fbpx
Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside / foto Vilachan CCBy Wikimedia

Fernández-Albalat, o autor das arquitecturas de Sargadelos, será nomeado Fillo Predilecto da Coruña

Tempo de lectura: 2 min.

O arquitecto Andrés Fernández-Albalat Lois será Fillo Predilecto da cidade da Coruña. Así o ratificou hoxe o pleno municipal do Concello da Coruña cunha ampla maioría, despois de que o aprobara o pasado martes a Comisión de Honras da cidade.

Así Andrés Fernández-Albalat, arquitecto de obras como o edificio SEAT, a fábrica de Coca Cola ou as arquitecturas das fábricas de Sargadelos, terá unha nova e excepcional honra para a cidade que se suma a outros moitos merecidos recoñecementos como a Medalla Castelao ou Medalla de Oro de la Universidade da Coruña.

A distinción foi solicitada por iniciativa da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC). Foi despois dun acordo por unanimidade da súa Xunta o pasado 8 de setembro, que contaba co pleno acordou do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia na súa delegación da Coruña.

Begano, A Coruña, unha das obras máis recoñecidas de Fernández-Albalat / foto Nemigo CCBy Wikimedia

Pioneiro da Arquitectura Moderna en Galicia

Na súa proposta dende a ETSAC sinalaban que “A Coruña débelle ó arquitecto a presenza da arquitectura contemporánea internacional nas súas rúas”. E é que Fernández-Albalat foi un dos grandes introdutores e un dos que mellor soubo sintetizar as ideas do chamado Movemento Moderno en Galicia.

Unha arquitectura funcional, depurada, baseada en liñas claras e que, ante todo, trataba de mellorar a vida das persoas. De estas ideas naceron excepcionais obras como a chamada fábrica da Coca Cola da cidade, o edificio da SEAT, a actual sede de Abanca, o estadio de San Lázaro ou o histórico proxecto da Cidade das Rías.

Das súas mans saíron tamén os proxectos para as arquitecturas de Sargadelos xunto con Isaac Díaz Pardo como a súa fábrica en Cervo, ou o Museo Maside do Castro en Sada, que foi o primeiro museo de arte contemporánea de Galicia. Para a alcaldesa Inés Rey Fernández-Albalat “é un referente coruñés da arquitectura da modernidade en Galicia e no mundo”.

A rehabilitación da Casa-Museo de Rosalía de Castro tamén foi obra de Fernández-Albalat / foto Iago Pillado CCBy Wikimedia

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...