fbpx

Lois Ladra: “Neste Cabo do Mundo rexístrase a maior cantidade de achados de torques de toda a Europa”

Tempo de lectura: 7 min.

Lois Ladra (A Coruña, 1972). Arqueólogo e antropólogo, formouse academicamente en varias universidades públicas ibéricas, nas que cursou as licenciaturas en Xeografía e Historia (UCM) e Antropoloxía Social e Cultural (UNED), tendo rematado un DEA na USC e un Mestrado en Arqueoloxía na Universidade do Porto. Participou como voluntario en múltiples campañas de escavación nos estados español, portugués e británico. Foi bolseiro do Ministerio de Educación, da Xunta de Galiza e da Fundación Barrié.

Revisou varias cartas arqueolóxicas e dirixiu intervencións de urxencia en Iria Flavia, en Vila Franca de Xira, en Los Rediles de Cuenca, no Hostal dos Reis Católicos, no castro de Chandebrito e no Mosteiro de Samos. Como antropólogo fixo traballos de campo no norte de Portugal durante mais de sete anos. Recibiu, entre outros premios, o “Ferro Couselo”, o “Vicente Risco”, o “Cátedra”, o “Raigame” e o “Fermín Bouza-Brey”. Ten publicado numerosos artigos científicos e de divulgación, así coma os libros Arte relixiosa popular na Terra de Valga (2002), A pesca tradicional nos rios de Galiza: caneiros, pescos e pesqueiras (2008), A cultura tradicional da amêndoa no Douro Superior (2013), Tecnologia tradicional do sumagre (2013) e Arqueologia da Indústria Moageira em Castelo Branco (2018). Desde hai varios anos, traballa como investigador independente e profesional autónomo no estudo e na valorización do patrimonio cultural galaico-portugués. Acaba de publicar unha monografía sobre Os torques ártabros: arqueoloxía e contextos para o ouro galaico.

O arqueólogo e antropólogo Lois Ladra / amigosmuseosgalicia.org

ENTREVISTA.

1. Lin o teu libro Os torques ártabros. Arqueoloxía e contextos para o ouro galaico. Cómo comezou o teu interese polos torques?

O certo é que todo xurdiu hai varias décadas, a partir de unha experiencia bastante kafkiana da miña infancia: na viaxe de fin de curso do ciclo primario (a antiga EXB) leváronnos a diversos lugares do estado e fixemos unha visita ao Museo Arqueológico Nacional de Madrid. Para min, que daquela era un cativo con apenas doce anos, todo o que estaba exposto nas vitrinas era dobremente alleo por antigo e por estraño, ata que chegamos á sala onde estaban expostos os torques. Por mero acaso reparei nunha cartela que indicaba para moitos deles a súa orixe galaica. Fiquei pampo! Solicitei mais información sobre aqueles obxectos e pedíronme que agardase uns intres. De alí a un pouco, apareceu unha señora moi amable e logo me dixo que o sentía moito, pero que entre as publicacións que o museo tiña á venda non había nada sobre torques galaicos e que moitos deles aínda estaban pendentes de pesquisa. Xa te podes imaxinar a miña dobre sorpresa: por unha banda non entendía moi ben o que estaban a facer uns torques galegos en Madrid e… aínda por riba, os expertos do museo que os custodiaba nin sequera tiñan feito un estudo sobre eles!

O triste é que, máis de dez anos despois, cando fun rematar a miña licenciatura en Xeografía e Historia á Universidad Complutense, volvín ao museo e a situación non tiña mudado en absoluto: acabei por estudalos eu mesmo, publicándoos logo nun artigo para o Boletín do Museo Provincial de Lugo. Por sorte, malia que moitos torques aínda continúan no “desterro”, hoxe en día o Museo Arqueológico Nacional xa conta polo menos con unha publicación monográfica na que se recollen todas as mostras de ourivaría galaica que alí se gardan. Espero poder velas aquí algún día!

Cando eu comecei a estudar os torques galaicos, aló pola segunda metade da década dos noventa, acabábase de publicar un inventario que recollía menos de cento vinte exemplares. Moitos deles aínda permanecían inéditos nos museos ou en coleccións privadas. Hoxe por hoxe e logo do esforzo que supuxeron as achegas de varios investigadores, xa contamos con referencias bibliográficas para máis de douscentos. O territorio da antiga Gallaecia foi probablemente a rexión de Europa na que máis torques se elaboraron durante a Idade do Ferro.

2. Algunhas das pezas ás que fas referencia son impresionantes, como os torques do Castro de Xanceda (Mesía). Cómo definirías a técnica coa que están feitas e os motivos integrados nos mesmos?

Os torques atopados casualmente no castro de Xanceda constitúen, sen dúbida algunha, un dos conxuntos máis espectaculares da antiga ourivaría galaica. O seu requinte formal, técnico e ornamental é impresionante. De feito, os dous exemplares de maior peso e tamaño chegaron a ser considerados falsos por mor do seu carácter senlleiro en termos materiais e tecnolóxicos. Hoxe todos os investigadores coidamos que son auténticos, pero os coñecementos, as habelencias e a pericia necesarios para a súa elaboración non deixan de sorprendernos, pois combinan harmoniosamente os valores plásticos do traballo sobre un corpo macizo principal, unhas láminas barroquizantes sobrepostas e uns remates ocos que tintinan ao abanalos. É todo un portento visual e auditivo!

Os motivos que integran estas pezas son moitos e variados, pero de aspecto moi xeométrico e abstracto para nós: dentes de serra, boliñas, cruciformes, liñas paralelas… Seguramente iso que alcumamos pomposamente como “gramática ornamental complexa” representaba daquela unha riquísima linguaxe simbólica, hoxe por hoxe moi difícil de descodificar. Pasaron mais de dous mil anos desde que estes torques foron feitos e aínda non atopamos todas as chaves que nos poidan desvelar o seu significado último.

Detalle dun dos torques do Castro de Xanceda. Segunda Idade do Ferro. Autoría descoñecida. Museo Arqueolóxico e Histórico “Castelo de San Antón” (A Coruña).

3. Os torques foran levados tanto por homes como por mulleres. E logo, a partir do século III a. C., só polos homes. De qué forma os explicarías, tanto como obxectos como por simbolismo?

No estado actual dos nosos coñecementos, teríamos que dicir que os torques son uns aros abertos, feitos case sempre de ouro ou prata e sistematicamente asociados na antiga Gallaecia á imaxe da masculinidade bélica –aí están as famosas estatuas dos guerreiros galaicos– ou a pequenos obxectos como son as machadiñas de bronce, con representación de escenas sacrificiais. A súa posesión marcaría diferencias sociais. Algún día veremos un achado arqueolóxico que resolverá moitos misterios: unha necrópole ou un bó depósito votivo. Tempo ao tempo.

Machadiña cerimonial. Autoría descoñecida. Segunda Idade do Ferro. Museo Arqueolóxico e Histórico “Castelo de San Antón” (A Coruña).

4. Qué veñen a sinalar os torques, tendo en conta onde foron achados en todo o territorio da Gallaecia?

Aínda que poida parecer obvio, a maioría dos torques apareceron casualmente, pero non o fixeron en calquera sitio. E isto ten dúas lecturas: como xa dixen anteriormente, neste Cabo do Mundo rexístrase a maior cantidade de achados de torques de toda a Europa. Por algo será! E por outra banda, aínda que moitos foron atopados durante labores agrícolas, case sempre o fixeron no interior dun castro ou na súa contorna mais inmediata, en zonas de pasaxe, en ambientes acuáticos… Eu coido que a dimensión simbólica e identitaria destes obxectos preciosos é moi marcada, pero hai algunhas diferenzas intrarrexionais que convén explicar mellor: por exemplo, o caso dos torques ártabros, que semellan corresponder a unha zona bastante concreta da nosa xeografía.

5. Atopas similitudes entre os nosos torques e os de outros sitios? Ou senón, que diferenzas sinalarías?

Os torques europeos da Idade do Ferro son basicamente aros metálicos abertos con remates engrosados de diversos feitíos.

No territorio da antiga Gallaecia predominan os exemplares feitos en ouro e con unhas tipoloxías de terminais moi específicas, a diferenza do que acontece nos mundos da Meseta Central Ibérica e do Sur, onde son maioría os colares elaborados en prata cos cabos en gancho ou ollal. Noutras rexións alén dos Pirineos destacan cuantitativamente os de bronce cos extremos en tampóns.

E logo tamén habería que sinalar o feito de que os torques galaicos aparecen case sempre no interior dos castros ou poboados fortificados, mentres que no resto de Europa atópanse moitas veces asociados a sepulturas individuais, en necrópoles que aquí aínda non coñecemos minimamente ben.

Detalle do Caldeiro Gundestrup: o deus Cernunnos cun torque no pescozo e con outro na man. Idade de Ferro. Autoría descoñecida. Museo Nacional de Dinamarca, Copenhague.

6. De qué xeito pensas que os arqueólogos, historiadores, escritores ou artistas do século XIX e do XX contribuíron ao coñecemento destas pezas? Destacarías a alguén?

A nómina de autores que escribiron sobre os torques é moi extensa. Poderíamos citar entre os xa falecidos a Murguía, Villaamil y Castro, Ángel del Castillo, Cuevillas, Bouza Brey… A maior parte deles non eran profesionais, pois traballaban case sempre por amor á Terra e con recursos propios, sendo plenamente conscientes da importancia de dar a coñecer e salvagardar todo este patrimonio. Hoxe as cousas mudaron bastante e malia que aínda existen investigadores que basicamente nos autofinanciamos e desenvolvemos as nosas pesquisas á marxe do abeiro económico das administracións públicas, predominan os traballos realizados por funcionarios vencellados laboralmente a institucións oficiais que os apoian financeiramente para cumpriren coas súas obrigas profesionais: universidades, museos e outros centros de investigación. Tamén destacaría os traballos individuais en procesos académicos moitas veces precarios e maioritariamente inéditos (teses, tesiñas…) e os que voluntariosamente se realizan con axuda de colegas e amigos.

Casco de Leiro (Rianxo). Finais da Idade de Bronce (1000-800 a.C). Autoría descoñecida. Museo Arqueolóxico e Histórico “Castelo de San Antón” (A Coruña).

7. Pensas que sería posible facer unha grande exposición sobre esta ourivería? Dígoo porque é un tema que ben pode orientarse a Historia, Arte, estudos de metalurxia, deseño etc…

Por suposto. Xa houbo algunhas tentativas anteriores, pero todas elas foron moi modestas ou manifestamente incompletas. Se cadra o mellor exemplo que poderíamos citar é o da exposición temporal que acolleu o Museo Provincial de Lugo no ano 1996, titulada El oro y la orfebrería prehistórica de Galicia. Foi coordenada polo finado e benquerido arqueólogo Antonio Álvarez, con quen tiven a honra de escavar en varios castros e de colaborar nos textos para o catálogo que se chegou a publicar.

Actualmente e se cadra, poderíanse aproveitar grandes infraestruturas expositivas como a do Gaiás, para xuntar por uns meses as pezas dos nosos museos coas outras galaicas que hoxe se atopan nos grandes centros de referencia en Europa: Museo Arqueológico Nacional (Madrid), Museu Nacional de Arqueologia (Lisboa), British Museum (Londres), Musée de Saint-Germain-in-Laye (París), Ashmolean Museum (Oxford)… Se fora ben financiada e ben planificada, con carácter multivocal, inclusivo e participativo, sen elitismos nin sectarismos, esta exposición podería constituír todo un acontecemento cultural. Facemos votos para que así se faga máis cedo que tarde!

Escrito por

Historiadora da Arte.

Pode que che interese...