fbpx
Torres de Altamira / foto GFDL CCBy Wikimedia

Pílula histórica: As Torres de Altamira e a batalla polo poder de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

13 de xuño de 1471 un exército levado por por Luis de Acevedo, irmán do arcebispo de Santiago, presentouse ás portas do castelo de Altamira, a casa matriz dunha das familias nobres máis importantes de Galicia, os Moscoso. Era a reacción do arcebispo fronte á reconstrución que o nobre fixera do castelo despois de que os Irmandiños derrubaran a fortaleza pouco tempo atrás.

A batalla era, antes que outra cousa, o momento álxido dunha loita pola supremacía do poder nobiliario en Galicia, que a mitra compostelá rivalizaba con familias como os Moscoso. Construído no século IX e derrubado en varias ocasións, o castelo de Altamira erguíase sobre o Val da Maía dominando dende o norte boa parte das terras que rodeaban a cidade.

Detalle da torre conservada nas Torres de Altamira / foto turismo.gal

As Torres de Altamira

Construídas no século IX sobre o que foi un castro galaico, as Torres de Altamira foron derrubadas nese mesmo século por Gonzalos de Moscoso e no século XIV polos Irmandiños. Tras a revolta a familia Moscoso reedificou as torres en 1471, ó parecer, saltando a prohibición do rei Fernando II de 1180 de construír novas fortalezas na “Terra de Santiago” sen autorización expresa do arcebispo de Compostela.

Foi este feito o que desencadearía a histórica batalla na que, se ben resistirían os Moscoso, conservando as torres, non decantaría a supremacía do poder galego ó seu favor. Baixo o seu mandato o castelo chegou a contar con seis torres, un cómodo pazo interior e unha capela baixo a advocación dos Reis Magos.

Detalle da capela nas Torres de Altamira / foto turismo.gal

Ruína e consolidación

No século XVII, cando se documentan obras de reparación nas Torres, os Moscoso deixan de habitalas para acomodarse no o Pazo de Trasouteiro e trasladarse despois á Corte. Posiblemente un incendio no século XVIII contribuiría ó seu abandono e, a finais do século XIX, foi utilizado como “canteira” para a construción de casas e monumentos da zona.

Porén as ruínas das Torres de Altamira, outrora un dos castelos máis importantes de Galicia, hoxe son Ben de Interese Cultural. Foron mercadas pola Deputación da Coruña en 1973 e consolidadas pouco despois. Da fortaleza aínda fican en pé restos da muralla e da base dunha das torres ademais de parte de muros e fiestras con arcos do século XV.

Pode que che interese...