Que comían os galaicos de hai 2.000 anos? | Historia de Galicia
A xente come dentro das casas do Castro de Santa Tegra / tirado do vídeo de Xoan Carlos Gil

Que comían os galaicos de hai 2.000 anos?

Tempo de lectura: < 1 min.

O concheiro do Castro de Santa Tegra da Guarda foi reaberto ao público tras varios meses nos que se realizou un estudo sobre o mesmo e outros sobre arqueofauna e un levantamento fotogramétrico das estruturas escavadas que acaban de deixar interesantes conclusións.

O concheiro do castro xa se coñecía e fora estudado entre 1910 e 1930, tras o que permaneceu abandonada. Os novos traballos realizados recentemente mostraron a existencia dunha gandaría na que predominaban ovellas e cabras de pouco tamaño, así como porcos e vacas. Tamén un “dominio total de moluscos e crustáceos” propios de zonas rochosas, ademais de mexillóns, bígaros e percebes. “Os ourizos tamén foron importantes, sendo menos común o consumo de cangrexos”, matizou Currás.

Respecto da actividade pesqueira, apuntou que se constatou que se practicou principalmente con anzol en zonas próximas á costa. “Abunda a robaliza, acompañada en moita menor medida de dourada, sargo e maragota, entre outros peixes”, precisou.

O equipo de traballo foi dirixido polo investigador postdoctoral do CSIC Brais X. Currás e contou con colaboración da empresa Terra-Arqueos. Tamén formaron parte do proxecto o grupo de investigación Zooarqueoloxía da Universidade de León, liderado por Carlos Fernández, e o de Paleoeconomía e Subsistencia das Sociedades Preindustriales do CSIC, dirixido por Marta Moreno.

Nos próximos meses continuarase profundando no coñecemento do castro no marco dun proxecto financiado polo Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación do Ministerio de Ciencia e Innovación e dirixido polo CSIC. Fontes do CSIC avanzaron que se buscará coñecer a data da fundación da muralla do poboado, estudarase a evolución ambiental a través do pole e analizaranse as sementes recollidas no concheiro. Tamén se identificará un dente humano mediante unha análise que levará a cabo na universidade alemá de Tübingen. Toda a información en Xornal de Vigo.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: