fbpx
Lomba do Mouro / remitida

Que facían 10.000 lexionarios romanos acampados a 1.200m de altura?

Tempo de lectura: 2 min.

O colectivo de investigación romanarmy.eu abre un novo campo de estudo; a investigación do maior campamento romano na antiga Gallaecia situado na Serra de Laboreiro, a 1.200 metros de altitude. O investigador da University of Exeter João Fonte, dirixirá a intervención arqueolóxica que se realizará entre o 7 e o 18 de setembro de 2020 no recinto fortificado de Lomba do Mouro, unha estrutura arqueolóxica de enormes dimensións localizada por romanarmy en 2017 e situada na fronteira entre Galicia e Portugal, nos concellos de Verea (Ourense) e Melgaço (Portugal).

A intervención arqueolóxica busca validar a hipótese de que se trata dun campamento militar romano de carácter temporal. De confirmarse, Lomba do Mouro sería o campamento romano de maiores dimensións do noroeste peninsular e podería estar vinculado á penetración e saída do actual territorio galego dun importante continxente militar de máis de 10.000 soldados. A intervención é parte do proxecto europeo Finisterrae financiado pola Comisión Europea a través dunha bolsa individual Marie Skłodowska-Curie.

Lomba do Mouro está localizado no Planalto de Castro Laboreiro, nunha zona de especial concentración de túmulos megalíticos. Foi descuberto a través da análise de datos LiDAR cedidos polo IGN-PNOA e ocupa máis de vinte hectáreas de terreo, contando com dúas liñas defensivas.

Mapa do recinto do campamento romano de Lomba do Mouro (sinalado con flechas blancas)/ romanarmy.eu

Outro campamento semellante en Lobeira

A só oito quilómetros, romanarmy localizou tamén outro sitio militar de carácter temporal de dimensións similares: Chaira da Maza, no concello ourensán de Lobeira, o cal leva a trazar a hipótese de que se trate dunha liña de avance. A intervención arqueolóxica procurará datar e contextualizar historicamente este sitio a través da cultura material recuperada e da recolla de mostras com vistas á súa datación, en colaboración co Grupo de Investigação C2TN do Instituto Superior Técnico de Lisboa. A princípios de agosto, no marco do mesmo proxecto de investigación, tamén se interviu arqueoloxicamente noutro campamento ubicado no Gerês/Xurés, o Alto da Pedrada, no concello português de Arcos de Valdevez.

Traballos en Portugal

Os arqueólogos traballarán exclusivamente na parte portuguesa do xacemento. Está financiada polo Fundo Ambiental Fundo Ambiental (Ministério do Ambiente, Governo de Portugal), polo Município de Melgaço e polo Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas, I.P. (ICNF), no contexto da posta en valor da rede de sendeiros do Planalto de Castro Laboreiro. O traballo de campo irá ser realizado em colaboración directa coa empresa Era-Arqueologia.

O traballo conta coa colaboración dos veciños da comarca, a través da União das Freguesias de Castro Laboreiro e Lamas de Mouro e do Conselho Directivo dos Baldios da Freguesia de Castro Laboreiro, sendo este últimos os propietarios dos terreos.

Pode que che interese...