Que fai un ídolo de orixe púnica-fenicia no Castro das Barreiras? | Historia de Galicia
Un betilo, ídolo castrexo do Castro das Barreiras, de orixe, probablemente, fenicia ou púnica / Concello de Vimianzo

Que fai un ídolo de orixe púnica-fenicia no Castro das Barreiras?

Tempo de lectura: 2 min.

Hai agora xusto un ano, o equipo que traballa no Castro das Barreiras, en Vimianzo, a empresa Terra Arqueos S.L, baixo a dirección do arqueólogo Tito Concheiro, realizou un dos descubrimentos máis importantes levados a cabo neste castro.
Trátase dun ‘betilo’, unha peza cónica de pedra granítica que aparece no piso dunha cabana, sobre o que tamén se atopou cerámica castrexa, un fogar e un pequeno formo. Os betilos son pezas de carácter simbólico que formaban parte dos lugares de culto.

“En esencia, son representacións abstractas dunha divinidade arredor das que se levaban a cabo rituais relixiosos e se realizaban ofrendas. Algo moi parecido aos altares das nosas igrexas. A orixe destas pezas, e das liturxias que ordenaban, hai que buscala segundo todos os investigadores, no Mediterráneo Oriental”, apuntan desde a empresa arqueolóxica.

PROCEDENCIA PÚNICA

En Galicia, son moi escasos e só se atoparon en contextos prerromanos dalgúns castros do litoral, como os castros da Punta do Muíño de Vento e o de Toralla, en Vigo; e o de Elviña, na Coruña. Os seus investigadores consideran que está en relación con actividades relixiosas e sociais dun grupo de xentes de procedencia púnica-fenicia asentados neses pobos.

No caso das Barreiras, ademais da sorpresa que supón atopar este tipo de obxecto nun castro de interior, a primeira vez que acontece en Galicia, a ausencia de material mediterráneo, leva ao director da intervención, Tito Concheiro, a pensar na posibilidade de que este novo betilo formase parte, no seu día, do sistema de crenzas e cultos indíxenas.

Castro das Barreiras en Vimianzo / turismovimianzo.com

“Trátase dun achado excepcional, un dos máis sorprendentes dos levados a cabo na arqueoloxía da comarca nos últimos anos, e coloca ao castro vimiancés nun lugar de privilexio, único, na ampla lista do patrimonio arqueolóxico galego”.

Nova campaña

Precisamente, este martes comeza unha nova escavación neste castro, promovida polo Concello de Vimianzo. “De seguro que a nova escavación sacará á luz outros achados igual de extraordinarios”, apuntan desde o cocnello.

A próxima campaña, que será de dúas semanas, ampliará o coñecemento da monumental muralla do castro e dunha nova construción circular no seu lado sur.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: