fbpx
Ocaso castrexo, de Óscar Doral, fotografía gañadora do IV Concurso de Fotografía das Reservas da Biosfera / Deputación de Lugo

Queres saber quen eran os soberanos da Galicia castrexa?

Tempo de lectura: 2 min.

“Un grande aporte ó coñecemento da nosa historia”. Así é en palabras de Xurxo Couto, responsable de Cultura da Deputación da Coruña, a obra “Callaici principes. Os soberanos da Galiza castrexa”, gañadora do XII Premio Manuel Murguía de ensaio, que recoñece cada dous anos esta institución.

Portada do libro / foto Deputación da Coruña

Trátase da obra do investigador Martín Fernández Calo e que a Deputación ven de publicar a comezos de este mes. A obra é un rigoroso estudo sobre os principes na Callaici da Antigüidade ou o que é o mesmo a xefatura indíxena dos nosos catros.

“A investigación amosa unha profunda e rigorosa análise da institución de principes na Callaici da Antigüidade, cun amplo marco comparativo no eido xeográfico europeo”, tal e como recolle o fallo do premio. O libro supón ademais unha reivindicación da Galicia antiga como suxeito historiográfico de seu, dando luz, en palabras de Couto, “a uns tempos moi escuros cos que só se conta coa epigrafía como fonte ademais da interpretación que podamos facer das fontes literarias clásicas”.

A xefatura indíxena dos castros

A investigación recolle a tese “dunha xefatura indíxena (asimilable ao concepto de princeps gentis) prerromana que persiste en época de Xulio-Claudia”. Esta “descansa nunha sólida argumentación teórica, grazas á lectura científica do limitado corpus epigráficos, dun rico abano de clásicos latinos e de copiosas e pertinentes referencias bibliográficas (galegas, españolas e estranxeiras)” como tamén se afirma no fallo.

Martín Fernández Calo naceu en Porto do Son en 1990 e forma parte da última xeración de licenciados en Historia (USC, 2013). O seu ámbito de investigación céntrase na historia socio-política, institucional e eclesiástica da antiga provincia romana da Gallaecia, os seus antecedentes pre-históricos e o seu legado tardo-antigo e medieval. O autor publicou tamén Estado, poder e estruturas políticas na Gallaecia: séculos II a.C.-VIII d.C. (Blukk Edições, 2018).

Xurado do concurso / foto Deputación da Coruña

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...