fbpx
Porto da Covasa en Ribeira / foto Turismo.gal

Ribeira quere rehabilitar o que podería ser un dos portos máis antigos de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Situado na parroquia de Aguiño, nun pequeno porto natural o antigo peirao da Covasa foi identificado por historiadores como un dos máis antigos da comarca. Para moitos do século XVII, para outros de orixe moi anterior, romano ou fenicio, o certo é que a Covasa é un dos enclaves patrimoniais máis importantes para entender a historia dos portos galegos.

É por isto, que agora, o Concello de Ribeira, gobernado polo popular Manuel Ruíz, quere rehabilítalo. O Concello encargoulle á consultora Barefar Ingeniería a redacción dun proxecto técnico para a súa restauración. Trátase de restauralo, consolidalo e poñelo en valor.

O proxecto, que está asinado polo enxeñeiro de Camiños, Francisco Barea Paz, ten un  orzamento de 84.535 euros e un prazo de execución será de cinco meses dende o inicio das obras. Polo momento descoñécese se o proxecto conta con supervisión arqueolóxica.

Porto da Covasa en Ribeira / foto Turismo.gal

Un vestixio histórico único en moi mal estado

Tres fiadas de grandes pedras de cantería sobre unha máis de cimentación, e unha lonxitude duns trinta metros. Este é o aspecto que garda o peirao moitos séculos despois da súa construción. Porén, atópase nun alto estado de deterioro con zonas completamente derrubadas.

É por isto que se contempla, tal e como se recolle, un baleirado inicial dos depósitos do mar na zona, coa recuperación e a análise das pedras que poderían ter formado o o histórico peirao, reempregándoas na recuperación do mesmo. Ademais tamén se completará con outras pezas de nova feitura semellantes no posible ás existentes. No proxecto tamén se incluirá a pavimentación dos camiños de acceso e a instalación de paneis informativos.

Porto da Covasa en Ribeira / foto USC

 

Pode que che interese...