fbpx
Tremis, moeda, acuñada durante o reinado do monarca visigodo Sisebuto / Wikipedia

Unha moeda visigoda acuñada no Courel?

Tempo de lectura: 2 min.

No reinado do monarca visigodo Sisebuto, no século VII, acuñouse unha moeda na ceca “Lavre”. Un topónimo que a investigadora da Universidade de Sevilla Ruth Pliego cre que podería tratarse do Courel.

“A miña conferencia trata das emisións monetarias das épocas sueva e visigoda no contexto dos últimos anos do imperio romano e os reinos bárbaros que xurdiron despois a súa caída. Concretamente, dalgunhas moedas que é probable que se acuñasen no territorio do Courel na Idade Media temperá.”

Precisamente, sobre isto falará esta investigadora na última xornada do III Seminario O Patrimonio Cultural do Courel que remata este domingo cunha xornada dedicada á historia antiga dos camiños courelaos. Ruth Pliego ofrecerá a charla ‘A moeda sueva e visigoda na Gallaecia: a ceca de Lavre’, sobre a tremis de ouro depositada no Museo Arqueolóxico Nacional.

Para rematar este foro sobre patrimonio cultural do Courel, o profesor ad honorem da USC e académico da Real Academia Galega de Belas Artes, Antonio Rodríguez Colmenero, clarificará a importancia das antigas vías romanas de comunicación polo Courel.

Esta xornada está promovida desde o campus de Lugo da USC en colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural do Courel e a Deputación Provincial de Lugo, e ten lugar nas instalacións da Estación Científica do Courel. O programa desta edición permite afondar no coñecemento dos camiños do Courel como elementos singulares do patrimonio cultural deste territorio ao longo da Historia, como marco das historias cotiás de veciños e visitantes e como medios de transformación dos lugares polos que pasan, segundo indica o director da Estación Científica do Courel. O tamén catedrático da USC Antonio Rigueiro explicou que todas as sesións, que se realizan desde o venres e que serán gravadas para así acadar unha maior difusión, contarán cun aforo máximo limitado a 20 persoas.

Ponentes

O militar de carreira e historiador de formación Xosé Fortes Bouzán abriu este venres o foro cunha intervención baixo o título ‘Os Viaxeiros da Luz no Courel. 30 anos dunha viaxe a cabalo por Galicia’, un relato co que lembrará a serie da TVG da que el foi protagonista e na que cinco xinetes percorrían os camiños do Courel e o resto de Galicia. Xosé Fortes foi membro fundador da Unión Militar Democrática, subdirector da Universidade Internacional Menéndez Pelayo en Galicia e autor de libros de Historia e outros como ‘Cuando las derrotas otorgan la victoria’ (2011) e ‘A rienda suelta’ (2019).

Este sábado, Branca Novoneyra, vogal da Fundación Uxío Novoneyra, abriu a xornada coa presentación do proxecto de residencias literarias no Camiño de Santiago ‘Ámeto mítico’. O investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas David González falou da importancia dos camiños nas áreas de montaña como elementos xeradores de paisaxes culturais, nun relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘As montañas como áreas de encontro: camiños, pastores e rabaños na construción das paisaxes culturais da Cordilleira Cantábrica’.

Finalmente, o profesor de Historia da Arte da USC Julio Vázquez Castro, analizou a vinculación do Castelo do Carbedo (Ben de Interese Cultural) coa Orde de Santiago e a peregrinación a Compostela.

Pode que che interese...