fbpx
Mulleres durante o paleolítico / foto 12019 CC0

Foron as mulleres as que estenderon o Neolítico por Europa?

Tempo de lectura: 3 min.

Como foi a mobilidade das primeiras sociedades agrícolas e gandeiras dende a conca dos Cárpatos ó longo de Europa e que papel tiveron os patróns de mobilidade entre homes e mulleres nesta expansión. Estas dúas cuestións son as que un grupo de investigación da Universidade de Vigo coa doutora en Arqueoloxía Prehistórica Berta Morell ó fronte pretenden aclarar.

A investigación acaba de pórse en marcha o pasado setembro e estará desenvolvida polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo. O estudo desenrolarase xunto a Institución Milà i Fontanals do CSIC, a través  Alba Masclans, e en colaboración co Grupo de Bioxeoloxía do Institut für Geowissenschaften, da Eberhard Karls University of Tübingen a York University e o Museo de Moravia.

Detalle de ósos empregados na investigación / foto UVigo

Eran elas quen se desprazaban?

Durante unha investigación dun ano e medio o proxecto ten por obxectivo analizar os patróns de mobilidade das primeiras sociedades labregas dende o norte da conca dos Cárpatos “que situamos entre o 5500-4900 data calibrada antes de Cristo”. “Unha das hipóteses que queremos probar é se existiron patróns de mobilidade diferentes entre homes e mulleres e se podemos relacionar estes grupos con prácticas exogámicas de tipo patrilocal”, comentaba ó Diario da UVigo a investigadora.

“Quizais, por normal social, as que se desprazaban eran as mulleres, polo feito de que poden parir, as que cambiaban de comunidade para ‘emparellarse’ e ter fillos, e os homes, en cambio, pasaban toda a súa vida nun mesmo grupo”, como afirmaba a investigadora no artigo.

Berta Morell / foto UVigo

Pois as diferenzas nos patróns de mobilidade entre homes e mulleres son interesantes de analizar, indica, xa que “permiten debuxar un pouco as diferenzas por razón de sexo e/ou xénero no pasado” e isto “axúdanos a entender un pouco máis como se organizaban estas comunidades a nivel social e que tipo de desigualdades poderían existir entre os membros dun mesmo grupo”.

Estudo a través de ósos e do esmalte dental

A hipótese xa fora lanzada por outros investigadores no pasado. Porén sería a primeira vez que se desenvolve un estudo que intentará confirmala. Par isto equipo de Morell traballará con dous métodos: por un lado, a datación por radiocarbono sobre mostras de ósos humanos, por outro a análise dos isótopos de estroncio no esmalte dental dos individuos.

O primeiro permitirá permitirá fixar a cronoloxía dos grupos. Co segundo poderase detectar o seu lugar de procedencia e comparalo coa área onde se documentou o seu enterramento, entendendo canto se moveu ó longo da súa vida.

“Se a pegada isotópica que encontramos no esmalte dental, o cal mineralízase durante os primeiros anos de vida dun individuo, é diferente á pegada isotópica de estroncio da área xeolóxica onde atopamos os enterramentos, entendemos que ese individuo moveuse de rexión ó longo da súa vida” como explica Morell no artigo.

O interese da investigación estaría, por tanto, en estudar a mobilidade destas primeiras sociedades. Nelas a mobilidade sería un dos moitos factores que contribuíron á difusión e adopción das técnicas agrícolas e gandeiras. Para desenvolver a investigación estudaranse enterramentos procedentes dos cemiterios de Vedrovice e Nitra e dos asentamentos Tesetice-Kyjovic, Vedrovice-Za Dvorem e Brno-Stary Liskove moitos deles recollidos no Museo de Moravia.

Mulleres durante o paleolítico / foto 12019 CC0

Pode que che interese...