Así foi a historia da fábrica Massó de Cangas, a máis monumental conserveira galega | Historia de Galicia
Fábrica Massó de Cangas / foto Eloy gf CCBy Wikimedia

Así foi a historia da fábrica Massó de Cangas, a máis monumental conserveira galega

Tempo de lectura: 4 min.

A finais da pasada semana coñecíase a nova. Hispania Nostra incluía a histórica factoría conserveira de Massó, na vila de Cangas, na súa Listaxe Vermella do Patrimonio. Facíase polo seu “total abandono” e o seu mal estado de conservación.

Coa súa inclusión na Listaxe a asociación poñía de relevo o inminente perigo de desaparición da histórica factoría. Trátase dun conxunto único en Galicia e que aínda é “un dos exemplos máis notables de arquitectura industrial do século XX en Galicia”.

Fábrica Massó de Cangas / foto Turismo das Rías Baixas hoxe

A gran industria dos Massó

A historia da factoría de Massó de Cangas comeza na veciña vila de Bueu, cando, a comezos do século XIX, o empresario Salvador Massó Palau trasladouse dende Cataluña á vila para pór en marcha unha industria de salgadura. A vila acollería daquela a primeira factoría da familia, transformándose pouco despois nunha das primeiras industrias conserveiras galegas.

Os seus fillos Gaspar, Francisca e Salvador, continuaron coa iniciativa industrial e en 1926 abrirían unha segunda conserveira na vila. A industria non só iríase modernizando na década seguinte, senón que en 1937, en plena Guerra Civil, constrúese unha nova factoría conserveira na veciña localidade de Cangas. Sería o gran referente das industrias da familia e nunha das maiores conserveiras de Europa.

Factoría de Massó en Cangas / foto histórica

A máis monumental conserveira galega

Na orixe a planta de Massó seía tan só unha antiga salgadura ó pé do mar mercada pola familia ó conserveiro Paganini. Empregada na súa orixe como almacén logo sería derrbada para construír no seu lugar a nova gran factoría, un gran complexo duns 16.000 metros cadrados construídos con dúas enormes fachadas mirando ó mar.

Así, a gran fábrica dos Massó sería inaugurada en 1941. Fora proxectada polo enxeñeiro Tomás Bolibar e polo arquitecto Jacobo Esténs Romero. A fábrica amosaba grandes innovacións técnicas como o uso do formigón armado e o aceiro reblonado. Mais destacaba tamén pola súa singular silueta sobre a ría de Vigo, herdeira dunha estética inspirada no modernismo e do racionalismo.

Museo Massó en Bueu / foto museos.xunta.gal

Unha das maiores conserveiras de Europa

A factoría contaba ademais coa última tecnoloxía, entre elas unha cámara frigorífica, unha fábrica de envases, zonas de varadoiros para a reparación dos barcos ou un taller mecánico. Tamén instalacións para a produción de fariñas e aceites de peixe. Contaba ademais con instalacións para as obreiras, maioritariamente mulleres, pensadas para conciliar a vida familiar coa laboral, como gardería, zonas de comedor e duchas.

Ó longo do tempo o conxunto de industrias da familia Massó foise extendendo chegando a ser unha das maiores empresas de derivados do mar e unha das maiores conserveiras de Europa. Entre as súas factorías contaba con dúas grandes baleeiras, unha xunto a este complexo, na Punta Baleeira, a outra en Cee, enfronte ó Monte Pindo. Tan só a conserveira de Massó chegou a ter traballando á vez na década de 1940 preto de 2.000 traballadores.

Traballadoras de Massó, detalle do calendario divulgativo feito en 2020

A decadencia das industrias dos Massó

Mais a prosperidade das industrias Massó, tan activas durante a Guerra Civil e a ditadura, comeza a decaer na década de 1980. Entre outros motivos a moratoria do ano 1985 ratificada por España que prohibía a caza das baleas foi o comezo da fin das industrias dos Massó. A crise afonda na década de 1990 coa norte de Gaspar Massó García e o peche da factoría de Bueu.

Os seus traballadores foron recolocados na fábrica de Cangas. Mais o peche da gran factoría insignia da familia produciríase tan só cinco anos máis tarde, a pesar dos intentos da CIG e de máis dun terzo dos traballadores de reflotala da súa propia man. Remataba así cunha das empresas conserveiras galegas máis importantes do sector tanto nos séculos XIX como no XX.

Fábrica Massó de Cangas / foto Cangas.gal

Abandonado pola Xunta e por Abanca

Tras o seu peche os terreos da empresa pasaron a mans dunha promotora privada. O proxecto formulaba o seu derrube e a construción dun gran espazo residencial. O proxecto fora asinado polo afamado arquitecto inglés Norman Foster. Mais nunca chegou a executarse grazas a unha contundente contestación veciñal.

 Dende aquela a histórica factoría quedou abandonada e en mans de Abanca. Hoxe a fábrica atópase incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural Galego, aparece protexida dentro do PXOM e está incluída no Plan Nacional de Patrimonio Industrial. Tamén foi solicitada a súa declaración como Ben de Interese Cultural, aínda á agarda de resposta pola Xunta. Ningunha destas figuras de protección serviu para protexela do estado de ruína e abandono.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: