fbpx

Así era a primeira película en cor de España que reivindicaba a galeguidade de Colón

Tempo de lectura: 2 min.

Rodada en 1927 na cidade de Pontevedra e reivindincando a galeguidade de Colón. Así é Pontevedra, cuna de Colón unha curtometraxe do cineasta e investigador pontevedrés Enrique Barreiro e catalogada como a primeira película polícroma feita en España.

O documental desenvolve a tese da orixe pontevedresa de Cristóbal Colón, defendida por varios historiadores citados na película, amosando imaxes da vila e documentos históricos. No filme bótase man de recursos propios dos noticiarios da época como panorámicas dos lugares que transitou o explorador e intertítulos dos escritos dos que bebe para defender a súa argumentación.

Unha técnica propia

A cinta ten a particularidade de presentar por primeira vez algunhas pasaxes presentadas en cor. Faríase en Cromacolor, un sistema de cine en cor que o propio Barreiro patentara. Tratábase dun filtro rotatorio con partes e franxas de cores desde o vermello ata o verde, que ía capturando a resposta a estes tons no negativo en fotogramas alternos, ordenados tamén por cores.

Despois de revelada a película, tinguíanse os fotogramas con outros matices da gama de azuis, de xeito que ao seren proxectados a gran velocidade, a persistencia na retina facía a mestura e a imaxe víase a cor. O sistema foi a gran obsesión profesional de Barreiro e unha das súas grandes achegas, sen dúbida a de maior innovación.

Recuperada polo CGAI

Agora a cinta poderá verse de novo coas cores que lucía en 1927. Pois o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e Filmoteca Española colaboraron na recuperación da versión coa cor orixinal do filme. A iniciativa forma parte dun proxecto que a Xunta agarda ampliar para abordar de xeito conxunto todos os materiais que compoñen a colección que a familia do cineasta pontevedrés depositou na filmoteca galega.

A película foi estreada no seu día en cor, mais as copias conservadas tanto en Filmoteca Española como no CGAI-Filmoteca de Galicia, facían inviable fotoquimicamente a reprodución das cores. Ó levar a cabo a dixitalización, restituíronse as cores en cada fotograma, que non se combinaban ó proxectárense, e que tiveron que ser tratados individualmente nun proceso extremadamente laborioso.

O apelido colón nun cruceiro de Poio

O legado de Enrique Barreiro

Enrique Barreiro foi unha das figuras máis importantes do cine galego nos anos vinte e trinta xunto co seu irmán Ramón. Enrique e Ramón Barreiro, considerados dous pioneiros do cinema en Galicia non só foron fotógrafos e cinesastas senón tamén grandes innovadores da técnica filmográfica. Destacan sobre todo, pero non só por estes  experimentos para dotar de cor á imaxe cinematográfica.

A cinta restaurada, que foi estreada n día de onte no Cine Doré de Madrid, terá o seu primeiro pase en pantalla grande en Galicia o 27 de outubro. Será na sala do CGAI na Coruña, na rúa Durán Loriga, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Patrimonio Audiovisual da Unesco.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...