Así se ven os excepcionais restos afundidos dos barcos areeiros do Ulla
Grandes barcazas para o transporte de area que hoxe xacen do fondo das ribeiras do Ulla. Estas son as sensacionais imaxes de Javier Figueroa Iglesias coas que o proxecto obaixoulla.gal quere recoller o patrimonio da industria areeira na ría. Unha industria que durante varias décadas tomou beneficios da estración dos seus fondos e que hoxe aínda é posible apreciar nas estruturas destes barcos abandonados na ribeira do lugar do Regueiro en Santa María de Isorna.
Pois houbo un tempo no que era habitual ver navegar estas grandes barcazas cargadas con area do Ulla, levados cara os portos de Rianxo. Tratábase dun material para a construción e foi nas décadas de 1960, 1970 e tamén 1980 cando esta singular industria deu traballo ó redor dunhas cen familias. A actividade tocaría o seu fin na década de 1980 coa mobilización dos mariscadores de Carril e a posterior prohibición da actividade.
“Houbo épocas nas que até uns vinte barcos percorrían o Ulla cada día co prezado material”, pois “a area era o material máis utilizado e tamén o máis barato. Estaba ó alcance de case todos nos ríos. Só había que poñer os medios necesarios para sacala e poñela á venda”. Así é como se conta dende esta páxina web, recollida tamén en 2010 polo xornal La Voz de Galicia, esta historia que hoxe ten como únicas testemuñas os cargueiros afundidos na ría.
Un proxecto para recuperar o patrimonio do Ulla
“Un catálogo dixital aberto de elementos patrimoniais, naturais e paisaxísticos dos concellos de Catoira, Dodro, Padrón, Pontecesures, Rianxo e Valga. Todos eles documentados, clasificados e xeolocalizados con mapas libres”. Este é o excepcional traballo que a asociación cultural Os Penoucos está a desenvolver a través do proxecto o obaixoulla.gal.
O obxectivo é catalogar o enorme patrimonio do curso baixo do Ulla “a vía de penetración máis importante no territorio galego dende a Idade do Bronce”. O proxecto, planeado como unha iniciativa participativa e aberta, configurada ademais con software libre, pretende recoller nun mapa a totalidade do patrimonio cultural, natural e paisaxístico do territorio. Na actualidade leva catalogados xa camiño de de 3.500 bens. En 1986 a TVG recollía os últimos días desta actividade. Foi Suso Souto para o xornal El Correo Gallego quen se fixou nestas excepcionais testemuñas.