fbpx
Un Havilland DH34 foto Public Domain b

Así tratou de aterrar ó pé do Sil un avión militar no Ano Santo de 1926

Tempo de lectura: 2 min.

Os días 22 e 23 de xullo do Ano Santo de 1926 despegaban do aeroporto de León tres De Havilland DH-9-Hispano, pilotados por aviadores da Armada. Eran parte dunha delegación militar aero-terreste que tiña por obxectivo render culto en Santiago ó Apóstolo. O Havilland nº 94, co nome “Avila”, pilotado polo capitán Ernesto Gómez de Arce, no seu intento por tomar terra no corazón de San Clodio, constitúe o primeiro accidente aéreo da Ribeira Sacra.

E é que os tres Havilland tiñan por destino o areal de Santa Cristina, en Oleiros, onde tomarían terra para ter a súa base até o día da ofrenda militar ó santo. Un deles, o número 145, pilotado polo coruñés Luis pardo Prieto partiría o día 22; os dous restantes, os números 94 e 158, pilotados polo Alférez Sampil e por Gómez de Arce, partirían as 20:00 horas da tarde do día seguinte.

Mais chegada á vila coruñesa Sampil manifesta que perdeu de vista ó aparello de Arce á altura de Ponferrada. O seguinte que foi posible saber é que o aparello restante fora visto na Ribeira Sacra tratando de tomar terra moi preto do Sil. Pois as diferentes aproximacións a terra dun avión do exército chamaran a atención dos veciños da zona.

Un Havilland DH34 / foto Public Domain

Algúns veciños acenáronlle ó piloto para que fose cara ó lameiro da Abadía de San Clodio, lugar onde xa houbera aterraxes nalgunha ocasión. Mais Arce decide probar noutro lugar moi preto do río, non lonxe da ponte que actualmente comunica a vila de Quiroga e a de San Clodio. Porén non era o lugar axeitado.

Pois preto do chan o piloto decátase de que no canto de area está enriba dun mar de xogas e vese obrigado no último intre a remontar o voo. Se ben conségueo o aparello bate cunha liña eléctrica e impacta contra o chan, perdendo o tren de aterraxe, a hélice e parte da fuselaxe. A historia é recollida en maior profundidade no Lugo Xornal así como no libro “Cen anos de aviación en Compostela” da Editorial Andavira.

Pode que che interese...