fbpx
Última campaña en Eirós / foto Consellería de Cultura da Xunta de Galicia

Así vivía o Neandertal, o irmán maior do Homo Sapiens, nas serras orientais galegas

Tempo de lectura: 3 min.

A Cova de Eirós en Triascastela está a darnos importantes datos sobre os modos de vida do irmán maior do Homo Sapiens, o Neandertal. As últimas escavacións na Cova, levadas a cabo ó longo deste verán, están permitindo coñecer moito mellor os modos de vida deste homínido prehistórico que ocupou Galicia durante o Paleolítico.

As escavacións desenvolvidas en Eirós este verán permítennos un maior coñecemento sobre os grupos de neandertais que habitaron a cova. Permítennos principalmente constatar as hipóteses realizadas polos investigadores en anos anteriores, demostrando que Eirós foi un lugar de campamento onde se desenvolvían diferentes actividades como a caza ou elaboración de utensilios.

A vida en Eirós

O estudo permitiu coñecer como a Cova Eirós foi empregada por grupos de neandertais durante un período moi prolongado no tempo como se sabe pola gran densidade de materiais de pedra e óseos atopados en diferentes estratos. Tamén sabemos que os grupos que a ocuparon procesaban a fauna que cazaban principalmente cervos e que desenvolvían outras actividades como a talla de ferramentas líticas en cuarzo e cuarcita.

Última campaña en Eirós / foto Consellería de Cultura da Xunta de Galicia

Ademais, podemos saber, segundo as marcas de uso nas ferramentas, que tamén traballaban as peles dos animais para a elaboración de vestimentas. A investigación sobre os fogares demostra tamén o control do lume por parte destes grupos de neandertais. Trataríase dun lume que non só permitía quentar ou cociñar alimentos, senón tamén traballar outros materiais como a madeira para a fabricación de utensilios ou lanzas.

Un tipo diferente de ocupación

Un modo de vida diferente con respecto ás documentadas noutros niveis da Cova ou xacementos ó aire libre. Esa é outra das conclusións sacadas das escavacións desenvolvidas ó longo deste verán. Pois neste a intervención centrouse no nivel 4. Isto permitiu coñecer as distintas estratexias de mobilidade e subsistencia e a capacidade de adaptación dos grupos de neandertais ós condicionantes do medio no que vivían.

Ademais, esta última intervención está a permitir estudar tamén outros aspectos da vida no xacemento. Pois, por unha banda, estanse a desenvolver coa colaboración dos investigadores do Max Planck Institute de Alemaña un estudo sobre restos de ADN antigo na secuencia de Cova tanto para a identificación de mamíferos como, se fora posible material xenético do propio humano.

Vistas da anterior campaña escavación de Cova Eirós / foto USC

Tamén estanse a desenvolver estudos para coñecer o paleoambiente, ou as condicións naturais e ambientais, nas que se movían estes grupos nas Serras Orientais galegas. É por isto que o equipo do investigador da Universidade de Coimbra Pedro Cunha está a desenvolver estudos con análises sedimentolóxicas que permitirán comprender as dinámicas paleoambientais dos últimos 50.000 anos nas nosas serras, permitindo relacionar as flutuacións no poboamento da rexión coas dinámicas paleoambientais e glaciais que definen os momentos finais do Pleistoceno.

Unha nova visión do Paleolítico galego

A actual campaña estivo desenvolvida por membros do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Santiago (USC) e do Institut de Paleocología Humana i Evolució Social de Tarragona, co financiamento da Xunta de Galicia. Os traballos enmárcanse na colaboración que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade mantén dende o ano 2015 coa Universidade de Santiago.

As actuacións continúan o legado do traballo que se estivo a desenvolver dende o ano 2008. Foi tanto na entrada da cova onde se encontraron restos de ocupacións paleolíticas que van dende o Paleolítico Medio até os momentos finais do Superior, como nas paredes do interior, onde se localizaron evidencias de arte rupestre do Paleolítico Superior, teñen permitido descubrir pinturas e gravados dun valor único e excepcional en Galicia. Nestes últimos traballos non só se logrou perfilar mellor a secuencia de ocupación de Eirós, senón tamén profundar nos estudos sobre o xacemento e o conxunto da Prehistoria galega.

Anteriores campañas na Cova de Eirós / foto Asociación Cultural do Iribio

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...