fbpx
Pozo dunha mina romana atopado no complexo mineiro das Vornas, no Rosal / Óscar Pazos

Atopados pozos mineiros subterráneos romanos que poden cambiar a historia da minaría no sur de Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

Hai unhas semanas eran atopados tres pozos mineiros cegados hai máis dunha década pola Consellería de Industria no lugar das Vornas, no Concello do Rosal, xusto no límite con Tomiño e nunha das zonas de minaría romana máis rica da provincia de Pontevedra, a da Serra da Grova. Poida que haxa máis. Pero como á Dirección de Minas impórtalle pouco o patrimonio arqueolóxico -en realidade prefire non saber- non tiña noticia destes pozos a Consellería de Cultura nin a súa Secretaría de Patrimonio -que tampouco teñen interese ningún por meterse en leas-.

E son uns pozos que poden cambiar a historia da minería romana en Galicia. Trátase de tres pozos verticais que testemuñan un dos xeitos de como os romanos extraían os minerais da antiga Gallaecia. Hai moitas evidencias na minaría antiga -non so romana- de pozos verticais feitos para explorar os terreos, mais é moi posible que durante o funcionamento destas minas estes pozos de sección tan regular foran usados como entrada e saída dos mineiros, para retirar ciscallo e mineral e mesmo para ventilar, sendo estes accesos mais seguros ante as derrubas que as galerías horizontais.

Situación dos pozos 2 e 3 na mina romana das Vornas, na entrada da Serra da Grova / Óscar Pazos

Os tres pozos abren en superficie nuns foxos cavados na costa do monte. Os foxos teñen dirección N-S, dirección que probablemente é a mesma que a das cámaras subterraneas pois coincide coa dirección xeral dos traballos superficiais. A función dos foxos semella que é retirar os primeiros metros de rocha máis descomposta na superficie para evitar derrubamentos.

Como había que furar os montes

Minar un xacemento a ceo aberto ou mediante traballos subterráneos depende da xeometría do xacemento, do moito ou pouco traballo de cavar a rocha e da estabilidade dos furados. Ao que parece, nas Vornas a facilidade de cavar e a inestabilidade dos furados aconsellaba minar a ceo aberto. Só cando afondaban bastante e/ou a rocha era competente dabondo, facían minaría subterránea. Estes descubrimentos poñen en riba da mesa cuestións ben interesantes na historia da minaría romana na Gallaecia:

1.- Os pozos están no entorno da mina de As Vornas, concello do Rosal, esta si, catalogada como mina a ceo aberto da época romana por Patrimonio (GA36048019 Mina romana do Niño do Corvo). Hoxe xa podemos asegurar que nas Vornas houbo minaría a ceo aberto e tamén subterránea.

2.- Un dos pozos mostra unha sección cadrada que o sinala inequívocamente como galaico-romano. Isto é importante pois que moitas minas romanas foron voltas a explorar nos séculos XIX e XX, e as veces non está claro como diferenciar uns traballos doutros. En concreto en As Vornas houbo minería subterránea nos ’60-’70 do século XX (mina Salaberri de estaño). Este pozo está hoxe cegado e localizado en teoría, pero sempre puido haber outros traballos non rexistrados.

3.-Por tanto, esta é a primeira evidencia de minaría subterránea galaico-romana na serra da Groba. Había indicios e fortes sospeitas, pero hoxe temos a evidencia. De feito, este pozo é o primeiro do que teño noticia con sección cadrada ao norte do Miño.

Pozo 1 atopado na mina romana das Vornas, no Rosal/ Óscar Pazos

4.- Atopando estes pozos, xa temos plena confirmación da continuidade mineira -de técnicas e sistemas de explotación- na banda metasedimentaria que vai dende Valongo-Porto até a serra da Groba, é dicir, entre o Douro e a ría de Vigo. Isto contextualiza e facilita moitísimo a interpretación desta minería. O conxunto de pozos e galerías subterráneas de Valongo conforman o meirande conxunto mineiro subterráneo do ouro en toda a península Ibérica.

En definitiva, a redescuberta dos pozos na mina de As Vornas revaloriza esta mina e revaloriza toda a minaría galaico-romana do ouro da serra da Groba, avanza á interpretación desta minaría, abre novas posibilidades de investigación e confirma a importancia da minaría galaico-romana do ouro na zona e neste abrollar á historia da Galllaecia.

Escrito por

Xeólogo e investigador da minería romana en Galicia

Pode que che interese...