Descobren a acta fundacional da Mocedade Galeguista de Celanova, inédita dende 1932 | Historia de Galicia

Descobren a acta fundacional da Mocedade Galeguista de Celanova, inédita dende 1932

Tempo de lectura: 3 min.

O 13 de outubro de 1932, Celso Emilio Ferreiro, Xaime Illa Couto, Xosé Velo e Francisco Fernández Del Riego proclamaron varios discuros nun acto multitudinario do Teatro Curros Enríquez de Celanova. Era o gran mitin das Mocedades Galeguistas de Celanova, un dos actos máis importantes do que despois serían a Federación de Mocedades Galeguistas do Partido Galeguista.

Agora, cando pasaron 85 anos do gran mitin, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova presenta ó público un documento inédito daquel excepcional momento. Trátase da acta fundacional da Mocedade Galeguista de Celanova, que data do 15 de xullo de 1932 e no que aparecen as sinaturas de Xosé Velo como presidente e Celso Emilio Ferreiro como vicepresidente.

Os integrantes / foto Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova

O documento conservouse na casa familiar do mestre celanovés Odilo Pérez Fernández, que tiña gran amizade con Xosé Velo. O Comité de Memoria Histórica de Comarca de Celanova revisou a bibliografía publicada e consultou con estudosos do galeguismo como Argimiro Rojo, Xavier Castro, Justo Beramendi e Ramón Nicolás que manifestaron descoñecer ata o de agora o documento.

Os seus “Estatutos”

Trataríase da documentación que presentaron ás autoridades co gallo da constitución oficial da Mocedade Galeguista. A súa importancia reside en que é un documento inédito que permite datar a orixe da agrupación celanovesa e saber dos seus fundadores, algúns deles ata agora descoñecidos.

Ademais de Celso Emilio Ferreiro e Xosé Velo, só se tiña constancia do vogal Jesús Román, pois o secretario Alfonso Álvarez e o tesoureiro Emilio A. Torres non figuran en ningures. Até o momento, só se contaba con datos de directivas posteriores e a través de fontes indirectas, principalmente notas recollidas en xornais como A Nosa Terra.

O texto está redactado en castelán para poder ser oficialmente rexistrado. Consta de 9 artigos que baixo o título de “Estatutos” estipulan o funcionamento e organización, os obxectivos e os medios para logralos. Responde a un modelo establecido, seguramente polo Partido Galeguista, “cuyos Estatutos acepta y a ellos se somete”.

Detalle do documento / foto Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova

No documento fíxase o seu domicilio social no número 17 da rúa Curros Enríquez e figuran José Velo Mosquera como presidente e Emilio Ferreiro Míguez como vicepresidente. Tamén se detallan os seus fins, entre eles traballar a prol dun “régimen autónomo en Galicia” .

O documento oficial

“Polo contido do documento, en papel con póliza oficial, é moi posible que sexa copia da documentación que presentaron ás autoridades co gallo da constitución oficial da Mocedade Galeguista de Celanova”, segundo explicou o profesor Justo Beramendi. Xa que logo, ábrese a posibilidade de buscar o expediente completo presentado ás autoridades e que pode acharse nalgún arquivo provincial.

O Comité de Memoria Histórica de Comarca de Celanova continuará investigando para dar a coñecer o legado das Mocedades Galeguistas e en acordo co veciño que facilitou o documento buscará un espazo axeitado para a súa conservación e difusión.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: