fbpx
Sauna castrexa en 3D visión preliminar / foto Lanóbrigan

Emilio Ramil: “Nos castros da costa norte, onde escavamos, saíron saunas”

Tempo de lectura: 2 min.

“Desde logo, non é casual que nos castros do litoral da costa norte, tanto no Cantábrico, onde estarían as saunas de Cervo e a de Espasante, e no Atlántico, onde se ubica a de Cedeira, existan este tipo de construcións. Fai pensar que é moi posible que nas penínsulas desta área nas que se ubican xacementos castrexos que teñan unha cronoloxía ampla, como ocorre nestes casos, tamén existan saunas castrexas. O caso é que non se fixeron excesivas intervencións arqueolóxicas, a única que se fixo é a de Fazouro, en Foz, hai anos e cinguida principalmente á zona de murallas adentro. Por suposto, habería que facer escavacións arqueolóxicas para demostrar isto que estou dicindo, pero o caso é que onde escavamos, saíron saunas“.

Quen fala é o arqueólogo Emilio Ramil que escavou tres das seis saunas castrexas que hai en Galicia: as de Cedeira (en Punta Sarridal) e Espasante (no castro dos Prados), e a da Atalaia, en San Cibrao, sobre a que pende a dúbida, concreta, posto que a cata realizada foi parcial, dentro dun control arqueolóxico das obras de saneamento que se estaban a executar. O pasado venres, no marco dunhas xornadas de divulgación organizadas polo Museo Provincial de Lugo, dependente da Deputación, abordou estas tres construcións.

Estruturas da sauna do Castañoso, na Fonsagrada / Mariña Patrimonio

“En Cedeira a sauna está localizada dentro do recinto habitacional, muralla adentro. Non é o caso de Espasante; alí a sauna está no foxo, un dos habituais recursos defensivos; parapetos, murallas e foxos son os elementos de defensa, para evitar nas penínsulas, utilizando que os cantís son unha defensa, que haxa outro tipo de acceso a través de terra firme máis que pola porta construída polos castrexos. Iso dinos que o castro dos Padros é posterior, porque o foxo perdeu entón o seu carácter defensivo, estamos nun momento da pax romana, nunha etapa galaico-romana”, dixo.

Sobre a posible sauna de Cervo auntou que non se atopou moito material. “O que sabemos do castro fálanos dunha ocupación desde a segunda Idade do Ferro, plena época castrexa, ata a etapa galaico-romana. Pero é que na escavación non recuperamos ningún tipo de cerámica. Si cantos rolados, que teñen que ver coa función de producir vapor; quentados no lume e metido en auga fría, xeraban vapor”. Toda a reportaxe en Xornal da Mariña.

Pode que che interese...