fbpx
Muralla escalonada do Castro das Barreiras en Vimianzo / foto Concello de Vimianzo

Chanzos na muralla ou indicios dun novo urbanismo, estes foron os excepcionais achados de 2020 nas Barreiras

Tempo de lectura: 4 min.

O pasado 1 de outubro cumpríronse 10 anos desde que comezaran as prospeccións no Castro das Barreiras, en Vimianzo. Un día antes, o pasado mércores 30, tivo lugar a presentación dos descubrimentos e conclusións a esta última campaña arqueolóxica no castro. E, tal e como apuntaba o director dos traballos, Tito Concheiro, o castro “sempre sorprende. Sempre proporciona algo novo”.

E nesta campaña sorprendeu de certo. Pois,  unha vez máis, deu chaves moi importantes para reinterpretar o conxunto e caracteres únicos dentro do mundo dos castros galegos. Un vertedoiro cerámico con máis de 20.000 fragmentos; unha nova cronoloxía; o feito de atopar chanzos na muralla; e unha vivenda de planta ovalada que dá unha nova visión do urbanismo castrexo, xunto coa recreación dos fogares das vivendas fan desta campaña, de novo unha campaña especial.

Fragmentos de cerámica no Castro das Barreiras, algúns deles modifican a súa cronoloxía / foto Concello de Vimianzo

Unha muralla escalonada

Un dos elementos que máis sorprendeu nesta campaña de escavacións foron os novos achados na muralla. Escavouse un sector próximo á muralla a continuación do ano pasado. Tratábase por unha banda, de regularizar a zona de escavación, e por outra, camiñar cara a muralla, “un dos elementos máis particulares deste castro”, en palabras de Concheiro.

Así, esta, unha das murallas máis altas entre as atopadas nos castros galegos daba unha nova sorpresa. O primeiro que apareceu foi un pano de muralla como o xa consolidado mais, a continuación, apareceu un chanzo. Así, segundo se pode interpretar é posible que orixinalmente estivera construída con chanzos, nunha estrutura moi masiva.

Muralla escalonada do Castro das Barreiras en Vimianzo / foto Concello de Vimianzo

Atopouse  un chanzo, pero probablemente, segundo a súa altura, nalgún sector a muralla podería presentar ata catro ou cinco, que se poderán ir descubrindo en futuras campañas. “Aparecerán tamén os sistemas de acceso. Posiblemente con soportes aguantando unha estrutura de madeira en forma de escaleira. A cantidade de buratos de poste indícanos que este castro tiña moita construción de madeira”, sinalaba Tito Concheiro.

Un novo urbanismo

Outro dos achados da campaña foi tamén unha nova vivenda ovalada, igualmente de grandes dimensións tal e como as que apareceron ata o de agora, máis con algunhas singularidades. Pois a vivenda foi desmontada por eles mesmos. “Aquí hai cambios grandes, unha vida moi dilatada no tempo e esta casa amortízana. Quere dicir que a reducen a cimentos e a tapan”, sinala.

Vivendas ovaladas atopadas en varias das campañas anteriores. Atópanse a unha enorme distancia da muralla / foto Castro das Barreiras

Tamén fala doutra peculiaridades que nos servirían para entender o urbanismo do castro. Ó principio pensábase que non lles deu tempo a ocupar todo o espazo con vivendas, pero nada máis lonxe da realidade. Hai unha secuencia cronolóxica longa, que é unha estrutura urbanística razoada que responde a criterios concretos que están por descubrir.

Ó lado da muralla hai unha serie de elementos construídos con elementos perecedoiros, e despois hai unha vía periférica que rodea internamente ó poboado. Ademais as casas ovaladas colócanse co eixo largo en paralelo á muralla, presentándose como un sistema único e fascinante. Isto fai que o plantexamento urbanístico nas Barreiras sexa incomparable.

Fogares recreados no Castro das Barreiras en Vimianzo / foto Concello de Vimianzo

Un enorme vertedoiro cerámico e fogares recreados

Entre os descubrimentos, destácase tamén a aparición dun vertedoiro cerámico con máis de 20.000 fragmentos. Entre eles un nivel superficial con material romano, co que a cronoloxía sube ó s.I d.C. ‘Non sabemos si houbo unha ocupación episódica ou si tamén, que é posible, que houbese unha ocupación en época romana.

Ademais nesta campaña destaca a recreación de varios fogares castrexos. Dentro das cabanas castrexas, habitualmente atópanse os fogares, que son elementos moi fráxiles. Presentan “unha das mellores cociñas preservadas do mundo castrexo, xa que se conservan o forno con dous espazos, un probablemente para cociñar e outro para quentarse”, explicaba Tito.

“Nós apostamos por tapalos o ano pasado, e dende o Concello decidiuse facer unha recreación dos mesmos”. Están compostos de pequenas caixas de pedra que conteñen dentro arxela, sobre as cales cociñaban, poñían brasas e se quentaban. “Estes fogares non son os orixinais, que están debaixo. Tapáronse cun material xeo téxtil, de tal maneira que estamos a ver unha réplica”.

Castro das Barreiras en Vimianzo antes das escavacións / foto turismovimianzo.com

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...