Fernando Pereira: “O celtismo estaba xa tan presente na mentalidade colectiva que foi imposible borralo despois do 36” | Historia de Galicia

Fernando Pereira: “O celtismo estaba xa tan presente na mentalidade colectiva que foi imposible borralo despois do 36”

Tempo de lectura: 10 min.

Fernando Pereira González (A Coruña, 1967). Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (especialidade de Historia Antiga e Arqueoloxía). O seu eido de investigación céntrase na construción historiográfica do pasado galego e nos usos sociais dese pasado, con especial énfase na historia do Celtismo galego. Alén de varios artigos que tratan distintos temas relacionados coas devanditas liñas de investigación, tamén ten publicados dous libros: Raza e Alteridade. A reflexión sobre a diversidade humana na Galicia do século XIX (2001) e Nas orixes do Celtismo galego. Os celtas na historiografía dos séculos XVII e XVIII (2017). Na actualidade traballa na Biblioteca da Real Academia Galega. Os seus traballos pódense consultar na seguinte ligazón:

https://independent.academia.edu/FernandoPereiraGonzalez

O historiador Fernando Pereira. 

1º. Levas tempo compilando moitas das imaxes sobre o celtismo galego: todas as de Camilo, as de Castelao, as de Verea y Aguiar… Como ves todo o imaxinario que está aí plasmado? Que impresión pensas que se quería trasladar?

Pois que Galiza é un país celta, que ten un pasado rico, glorioso e importante. Que iso é o que nos diferenza doutros grupos humanos e o que nos une tamén a outras nacións europeas, ás nacións celtas: Irlanda, Escocia, Gales, Bretaña…

2º.De todo ese imaxinario, cales pensas que son as obras máis impoñentes ou máis significativas?

Eu destacaría primeiro o Tríptico dos Homes de Brigantia, de Camilo Díaz Baliño. Outra de Camilo, a Ara Gael. Despois o Guerreiro Celta de Narciso Pérez. E por último, a Druidesa de Uxío Souto, obviamente.

A esquerda: A Druidesa. 1926. Uxío Souto. A dereita: Guerreiro celta. 1928. Narciso Pérez. Ambas esculturas están hoxe espostas no Museo Provincial de Pontevedra.

3º. Que destacarías desas obras?

Primeiro, a súa beleza. Despois a carga ideolóxica tan importante que teñen. E finalmente a súa funcionalidade, que é a de crear conciencia de país. Son obras que están pensadas para dotar Galiza dos seus propios símbolos.

4º. A nivel estético Camilo Díaz Baliño tomou as influencias dos prerrafaelistas, porque foron eles quen cultivaron en maior medida todas as imaxes do Ciclo do Grial e das lendas celtas. Cal cres que foi a contribución que fixo Camilo a ese imaxinario?

Eu penso que fixou certos símbolos. Primeiro, a anta. Neste aspecto a súa achega é fundamental. Pola información que temos, Camilo foi o primeiro que empregou a anta como elemento artístico e como símbolo da Galiza celta. Despois o Grial, aínda que non foi el quen creou toda a mitoloxía que había detrás: aí estaban antes Ángel del Castillo, Risco e Cabanillas. Porén, foi Camilo quen lle deu unha imaxe real, facendo do Grial un símbolo galego. E tamén houbo unha época na que estivo moi interesado polos druídas e os bardos. Eses tres motivos -anta, Grial e druída- eu penso que foron os que Camilo fixou e popularizou.

5º. E A Druidesa?

A Druidesa é realmente Camilo “remasterizado”. Uxío Souto tiña moita influencia de Camilo. Os dous eran amigos. Ademais Uxío inspírase en Camilo e se cadra leva adiante cousas que Camilo non fixo pero que el si se decide a facer. A Druidesa é tamén un símbolo moi importante. Como ti xa explicaches moi ben nun dos teu traballos: A Druidesa é Galiza.

6º. Camilo Díaz Baliño influíu en todos eles: Francisco Asorey, Castelao e logo en Seoane e Isaac Díaz Pardo. Todos eles continuaron o vieiro de Camilo. E por detrás estaba a influencia que tiña de Cabanillas e Risco. Era case un triángulo o que se estableceu entre Díaz Baliño e eles dous.

Certo. Pero Risco tampouco sae da nada. Risco bebe de Murguía. Murguía é a base fundamental e o propio Risco recoñéceo. Cando escribe sobre o celtismo, eu creo que ten de guía a Murguía. Mais o que tamén fai Risco é actualizalo: colle a base ideolóxica de Murguía, pero dálle outra volta cos seus propios intereses e os seus coñecementos. Por exemplo, Risco introduce no celtismo galego o tema do Atlantismo, en parte baseándose en Murguía. E Risco tamén é continuador de Murguía cando adopta a figura de Breogán e fai deste un símbolo de Galiza e un heroe nacional galego. Entón Risco si, pero Murguia tamén.

7º. E a Orde do Grial? Porque é de aí de onde Camilo saca moita da información. Como analizarías o que é o contido da Orde do Santo  Grial?

Aí de novo debemos ir un pouco máis para atrás. Risco é debedor de Ángel del Castillo, quen á súa vez é debedor de Víctor Said Armesto. Estes dous últimos autores foron os que inauguraron o tema do Grial galego. O que pasa é que Risco é un artista, un ideólogo e un intelectual. Entón achega unha visión moi diferente da que tiña Ángel del Castillo. Para este, o tema do Grial era un asunto de erudición e non quería facer del un símbolo. Mais o que fai Risco é coller o Grial e dicir: “este é o noso símbolo”. Por iso argallou toda unha interpretación esotérica para explicalo -que é marabillosa- e ademais crea historias nas que introduce Breogán, o Rei Artur e o apóstolo Santiago. Esa é a achega de Risco. Logo Risco pídelle a Cabanillas que faga poemas de todo iso. Cabanillas fainos e son os que coñecemos sobre o Santo Grial e o rei Artur, que acaban formando parte de Na noite estrelecida. E de todo iso veñen as imaxes de Camilo. De aí o triángulo Camilo-Risco-Cabanillas. Risco é fundamental, porque é o ideólogo. Cabanillas dálle unha estética moi clara tamén. E a importancia de Camilo está en que el representa a nivel artístico o que pensaron na poesía Cabanillas e na teorización Risco.

De esquerda a dereita: Vicente Risco. 1919. Augusto Pacheco (Ourense). Fundación Vicente Risco (Allariz). Camilo Díaz Baliño. Imaxe sen data. Fondo Isaac Díaz Pardo, Gaiás – Cidade da Cultura (Santiago de Compostela). Ramón Cabanillas. J. Pacheco (Vigo). Real Academia Galega (A Coruña). Eduardo Pondal. 1862. Mariano Bordoy (A Coruña). Arquivo da Real Academia Galega (A Coruña).

8º. E Eduardo Pondal?

Si, claro. Eu sempre digo que Risco é unha mestura de Murguía e de Pondal. De Murguía, porque del colle o tema erudito dos celtas. E de Pondal, porque del colle o aspecto creativo. Risco ten esas dúas caras: por unha parte a erudición e por outra parte a vontade de crear símbolos para o país, que foi o que inicialmente fixo Pondal con Breogán e o celtismo. Ademais, como ti xa tes demostrado nas túas investigacións, motivos moi empregados na poesía de Pondal como os piñeiros, o luar e a anta, están tamén presentes na arte de Camilo Díaz Baliño.

9º. De que xeito se forxa ese vínculo entre Pondal, Camilo e todo ese imaxinario que se crea? Porque Pondal crea ese imaxinario colectivo, que é o que logo vai plasmar Camilo. Camilo fai o que non se fixo no século XIX, que é unha pintura historicista que recrea a Historia de Galiza. E para chegar a todos eles débese percorrer a evolución que tivo o celtismo durante o século XIX e os vieiros que se fixeron vía Vicetto ou Saralegui.

Débese ter en conta unha cousa: o celtismo non é algo monolítico. O celtismo cambia, segundo as épocas e segundo os autores. Entón eu establecería tres etapas no celtismo antes de 1936. A primeira etapa vai dende comezos do século XIX até 1865. É a etapa na que predomina a visión de Verea y Aguiar. A segunda etapa abrangue de 1865 -cando publican Vicetto e Murguía as súas Historias de Galicia– até o ano 1919. Vicetto é importante, porque populariza moito o tema celtista. O que sucede é que as súas ideas sobre os celtas estaban anticuadas para a época na que escribía. Quen prima é Murguía porque establece os trazos do celtismo galego na segunda metade do XIX. E a Murguía séguenno Saralegui e Pondal. Durante esta mesma etapa Pondal inaugura o celtismo literario, algo que despois continuaron outros autores e do que Risco tamén é debedor, pois cando Risco escribe as historias de Breogán e do rei Artur, é Pondal quen está detrás.

Por último, a terceira etapa sería de 1919 a 1936, que é a etapa “risquiana”, pois é Risco quen marca os trazos xerais. Colle cousas de Murguia, de Verea, quizais tamén algo de Vicetto. Non as súas teorías, senón o afán que tiña Vicetto de crear personaxes que símbolizasen a historia do país e de facer unha historia coa que a xente se identificase e da que se sentise orgullosa. Iso é moi de Vicetto, e Risco tamén o colle. A partir de 1919 é Risco quen marca as liñas mestras do celtismo: engade o Atlantismo, o Grial e o esoterismo, dálle un pulo moi forte a Breogán e anima outros autores -Cabanillas ou Camilo- para que fagan as súas cousas. E é así, con Camilo, como xorde o celtismo na arte galega, inspirándose en Risco, en Cabanillas e en Pondal.

A esquerda: Benito Vicetto. A dereita: Manuel Murguía. 

10º. Que sucede a partir do ano 1936?

Pois a verdade é que non coñezo os detalles porque non teño estudiado moito ese período. Pero eu creo que si se pode dicir unha cousa: que o celtismo continúa despois do 36. O que pasa é que é diferente do anterior. Obviamente non é un celtismo que se poida usar para  reivindicar a nación galega, porque iso estaba prohibido na ditadura franquista. Mais o celtismo estaba xa tan presente na mentalidade colectiva que foi imposible borralo despois do 36. O que se fai é unha adaptación ao novo contexto. É un celtismo un pouco esvaído. Non é o celtismo combativo dun Murguía, dun Cabanillas, dun Camilo ou dun primeiro Risco. Non. É un celtismo un pouco “folclórico”, pero está aí. E, de feito, permaneceron moitos dos símbolos que se crearan anteriormente: a anta continúa aí, Breogán continúa aí…

O tema celta aparece tanto na Galiza como na emigración. Os galegos emigrados, sendo mais libres, aínda podían vencellar galeguismo e celtismo, algo que na Galiza era imposible. Pero tamén ves que autores franquistas até o miolo -como José Mª Castroviejo- recollen o imaxinario e as teorías celtistas, e seguen considerando Galiza como unha terra celta. Entón o celtismo seguiu estando moi vivo. Quizais non tanto como nos anos 20 e 30, pero continuou aí. E mantívose así até os anos 80 do século pasado.

11º. E que pasou a partir dos 80 e 90?

Pois non che sei moi ben. Eu creo que a Universidade tivo gran parte de culpa do que pasou. Non podo falar con moita seguridade, porque non son especialista nese tema. O que houbo foi un desprestixio do celtismo a nivel académico bastante forte, que aínda estamos sufrindo hoxe. Pero, a pesar diso, o celtismo mantívose no noso imaxinario colectivo até a actualidade.

12º.  Pregunto isto porque eu, que nacín en 1988, precisamente todo isto me chegou por parte de Sargadelos, no senso de que me veu polo proxecto que levou o Isaac co Seoane. E a partir dese punto vaise ampliando por cousas que se len e que chegan. Pero eu vin que na década dos 80 o celtismo seguía aí. Na década dos 90 observei o seu derrubo e xa no 2000 pasou a ser tratado como unha parodia, e ademais unha parodia destrutiva. E se se mantén é porque segue a ser significativo para a sociedade galega.    

Si. Eu creo que a nivel colectivo o celtismo segue a estar aí. Segue tendo unha forza identificadora moi, moi grande. Tamén hai que matizar. Hai xente dentro da Universidade ou do mundo académico que continúa estudando o noso pasado celta. Non é o celtismo de Cuevillas, obviamente, porque xa non pode ser así. Pero si que manteñen o celtismo como unha maneira de comprender o pasado galego. Mesmo penso que agora estamos volvendo outra vez ao celtismo. O que pasa é que eu creo que é necesario un novo paradigma celtista. Non podemos seguir repetindo as ideas de Murguía ou de Risco. Non podemos falar de raza nin de esencialismos. Hai que basear o celtismo nos coñecementos actuais, sobre todo na lingüística. Entón eu creo que o camiño debe ser ese: dar unha imaxe renovada do celtismo que o afaste de cousas que non son certas e dos aspectos negativos que tivo no pasado. Pero debemos dicir: “ei, coidado: non podemos acabar con todo”. Temos que revisalo e temos que adaptalo aos novos tempos.

13º. En relación con isto, que tal vai o Lebor Gabála Érenn?

Pois levo cinco anos aprendendo irlandés: irlandés contemporáneo e irlandés medieval. Estou xa nunha fase bastante avanzada, coñecendo as características propias da lingua medieval e facendo prácticas de tradución. Agora estou a traducir poemas que non están incluídos dentro do Lebor Gabála ou que non aparecen na versión do texto que quero traducir eu. Son traducións que me permiten familiarizarme coa linguaxe e co estilo dese tipo de poemas que constitúen unha boa parte dos contidos do Lebor Gabála.

14º. Retomaches o proxecto que deixara Vicente Risco de traducir o Lebor Gabála

Si. É verdade. Considérome un herdeiro do proxecto risquián. Afortunadamente, eu non tiven que ir a Berlin para atopar o libro que manexou el. Eu traballo dende casa grazas ás marabillas da tecnoloxía moderna. Mais a verdade é que Risco foi un pioneiro nisto, como en moitas outras cousas. O que pasa é que o Risco non sabía irlandés. El traduciu varios capítulos do Lebor Gabála a partir do inglés. Eu vou un pouco mais alá e parto do texto orixinal en gaélico. Quero traducir a versión contida no Libro de Leinster, que é do século XII e é o primeiro texto do Lebor Gabála que se coñece. Houbo outros antes pero ese é o máis antigo que se conserva.

Manuscrito da traducción do Lebor Gabála realizada por Vicente Risco. Fundación Vicente Risco (Allariz).

15º. Como pensas organizar o que sería o libro?

A miña idea é comezar cunha introdución explicando os contidos do Lebor Gabála, a súa datación, as distintas versións, como se foi estudando o texto até o día de hoxe e as interpretacións que hai sobre el; continuar despois coa tradución do texto; e rematar cun apéndice onde se explicaría aquilo que se coñece acerca da orixe e do significado dos personaxes principais que aparecen no relato.

16º. Por que o Lebor Gabála?

Porque mesmo sendo un texto irlandés, tamén é un “lugar de memoria” da nosa nación. Foi Murguía quen primeiro dixo: “Ei!, o Lebor Gabála fala de nós. Aí estamos nós”. E dende Murguía até hoxe o Lebor Gabála forma parte de nós, do pobo galego. Sexa certo ou non o que conta o libro, aí está e forma parte da nosa cultura. Entón, como non vai estar o Lebor Gabála en galego? Ten que estar.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Vigo, 1988. Historiadora da Arte, fotógrafa, divulgadora, conferenciante e voz. Patroa da Fundación Luís Seoane. É licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, con especialización en Arte da Idade Moderna. É autora do libro "A orixinalidade radica na orixe. O concepto da imaxe galega na estética de Vicente Risco" i é coautora, xunto con Xosé Estévez e Joaquim Ventura, do libro "Vicente Risco no xornal Euzkadi".

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: