Histórica dixitalización dos 144 números da revista Nós, que se poden ver xa na rede | Historia de Galicia
Portada de Nós / foto detalle do PDF en Galiciana

Histórica dixitalización dos 144 números da revista Nós, que se poden ver xa na rede

Tempo de lectura: 3 min.

O 30 do “outono de 1920” publicábase dende a imprenta La Región de Ourense o primeiro número do “Boletín Mensual da Cultura Galega, órgao da Sociedade Galega de Publicaciós ‘Nós’”. Tratábase do primeiro número da histórica revista Nós, o voceiro cultural impreso dunha xeración disposta a investigar e recuperar a cultura galega.

Ó longo de 144 números que se puideron publicar entre 1920 e 1936, Antón Cabanillas, Alfonso Rodríguez Castelao, Antón Losada Diéguez  Otero Pedrayo, Florentino L. Cuevillas e moitos outros intelectuais galegos recolleron neste medio contidos literarios, lingüísticos, artísticos, etnográficos, filosóficos e de pensamento político, entre outros.

Hoxe, 100 anos despois daquel excepcional fito, o goberno galego presentou a dixitalización da histórica revista Nós, que tamén pode ser consultada na rede. Trátase de converter en formato libro electrónico a totalidade dos exemplares e poñer en marcha unha nova web que recolle todo o universo Nós, coincidindo co centenario do primeiro número da revista.

Portada do primeiro numero de Nós / foto detalle do PDF en Galiciana

ePub e PDF para acceder dende a web

E é que o proxecto presentado no día de hoxe supón a conversión a formato ePub dos 144 números da revista, 100 dos que xa están preparados e son accesibles desde Galiciana BDG para a súa descarga multicanle. Trátase dunha extensión de ficheiro electrónico que permite unha compatibilidade coa meirande parte de dispositivos electrónicos, incluíndo redes móbiles. Tamén poden consultarse on-line en PDF.

O obxectivo desta iniciativa é poñer a disposición do público en xeral uns contidos de alto valor cultural, aplicando técnicas innovadoras baseadas na Intelixencia Artificial, coñecidas como grafo de coñecemento, que permiten navegar polos contidos da revista e achegarnos ós seus autores a modo de relato histórico enlazando os fitos históricos que marcaron a súa época.

Detalle dun dos primeiros numero de Nós / foto detalle do PDF en Galiciana

Trataríase dun dos primeiros pasos que dá o goberno galego para a construción da Memoria Dixital de Galicia. É esta unha iniciativa a longo prazo e que se está co obxectivo de  garantir a conservación do patrimonio cultural de Galicia e facilitar o seu acceso universal  a través da internet.

Unha páxina web para a Xeración Nós

Ademais, do mesmo xeito, comezou a funcionar a páxina web revistanos.gal. Nela se recolle o universo da Xeración Nós, permitindo explorar directamente os textos da revista, por medio das relacións que se establecen entre os colaboradores na historia da publicación. Inclúense os datos das persoas, lugares, institucións e acontecementos históricos que rodearon á revista Nós durante os seus quince anos de vida.

Xunto a ela a Biblioteca de Galicia a través de Galiciana (Biblioteca Dixital de Galicia), tamén permite a consulta de todos os números que se publicaron da Revista Nós, incluído o último, do que só existen dous exemplares físicos. Dáse acceso así á algo máis de 3.900 páxinas da revista o que reforza a conservación e divulgación deste patrimonio editorial.

Portada de Nós / foto detalle do PDF en Galiciana

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: