fbpx
Virxe das Pesqueiras obra de Ana Sastre / foto O Sorriso de Daniel

Morre Ana Sastre Soriano, a gran mestra recreadora das Virxes románicas galegas

Tempo de lectura: 2 min.

“Coa mestría de sempre e máis amor que nunca modelou en pasta de papel unha nova imaxe da Virxe de Pesqueiras. Descorreuse o pano e un suspiro emocionado percorreu as gorxas da veciñanza. -Que vai ser que a fixo ela, esta é a nosa!”.

Con este recordo emocionado moitos lembraban o talento e o traballo de Ana Sastre Soriano, finada nas últimas horas na vila de Sada. Ana era unha das grandes creadoras de Galicia en pasta de papel, que destacou polas súas creacións de cabezudos, títeres, pero sobre todo de reproducións de Virxes románicas.

Tratábase de excepcionais figuras deste material que Sastre modelaba e pintaba con absoluta fidelidade e unha gran mestría. Coas súas obras téñense feito algunhas das grandes exposicións de Galicia e mesmo algunas reproducións para os propios templos, como o caso da chantadina Virxe das Pesqueiras.

Ana Sastre nunha xeira cos membros de O Sorriso de Daniel / foto O Sorriso de Daniel

Foi unha apaixonada do mundo do románico e do teatro e colaborando dende os seus comezos da asociación O Sorriso de Daniel. Unha doenza, que ela levou durante anos co mellor dos ánimos, apartouna da docencia e achegouna á creación artística ata convertela nunha creadora indispensable en Galicia.

Agora tristemente a enfermidade levouna, deixando a lembranza e o seu excepcional traballo. Tal e como afirmaban dende a asociación, “cada vez que atopemos unha virxe medieval nos nosos andares pola Galicia románica o sorriso de Ana aparecerá entre nós”.

Virxe das Pesqueiras obra de Ana Sastre / foto O Sorriso de Daniel

Pode que che interese...