fbpx
Indicador no complexo de Cerámicas do Castro foto Vilachan CCBy Wikimedia b

O Museo Carlos Maside podería volver a abrir despois de case unha década abandonado

Tempo de lectura: 2 min.

O Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside situado en Samoedo, O Castro, Sada volverá a abrir este verán. Farao despois de 9 anos pechado e de que múltiples voces chamaran atención, durante todo este tempo, sobre o estado de abandono do complexo e do perigo inminente para a excepcional colección de arte que atesoura no seu interior.

Faino tamén despois de que o Grupo Sargadelos propietario da factoría na que se atopa o museo sufrira unha enorme crise que o levou no ano 2014 ó concurso de acredores cunha débeda de 5 millóns de euros. No ano 2018 Segismundo García, administrador único das empresas do grupo, afirmaba ter saldada a débeda e obter beneficios. Durante todo ese tempo o museo permaneceu en abandono.

Agora o novo padroado da Fundación Sargadelos formado o pasado luns quere recuperar o museo. Neste momento estanse a desenvolver os estudos e xestións necesarias para a apertura ó público das instalacións, fixándose xa os prazos para os primeiros pasos. Será o vindeiro verán e con el volverá a abrirse unha das coleccións máis importantes de pintura e escultura de Galicia, pechada no ano 2012.

Cerámicas do Castro en Sada / foto Nemigo CCBy Wikimedia

 Novo Museo de Sargadelos e Xornadas sobre a paisaxe

Sen ningún tipo de axuda pública, como se afirma dende a empresa, abríronse xa o pasado verán  as novas instalacións do Museo de Sargadelos en Cervo. A apertura tivo unha excepcional acollida con máis de 4.500 visitantes dende aquela. O Museo amosa pezas diferentes etapas da emblemática factoría. Tamén unha nova e excepcional pinacoteca nas instalación do antigo Seminario de Formas, anexa á fábrica.

Dentro desta nova etapa para o grupo, ademais da apertura do museo do Castro, programáronse tamén as as primeiras Xornadas de Arte e Deseño que “nesta ocasión estarán dedicadas a cuestionar e reflexionar sobre a paisaxe e a arquitectura galega, co fin de prestixiar o noso hábitat e desterrar no posible, malos hábitos que, en ocasións, abochornan ao visitante”.

Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside / foto Vilachan CCBy Wikimedia

Un novo padroado

A Xunta pasará a formar parte do Padroado da Fundación Sargadelos, tras o acordo acadado coa dirección da firma. Será a través secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez. Tamén estarán os representantes institucionais dos Concellos de Cervo e Sada, onde Sargadelos ten factorías, Alfonso Villares e Óscar Benito Portela.

Ademais de eles o novo padroado quedou constituído por Segismundo García, presidente; o economista Alberto Leiro, como vicepresidente e tesoureiro; Lois Caeiro como secretario; Román Rodríguez, profesor titular da USC e conselleiro de Educación; Bieito Rubido, xornalista e Camilo Díaz, en representación do Laboratorio de Formas.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...