fbpx
Castelo de Andrade / foto turismo.gal

Pílulas históricas: o Castelo de Andrade, a fortaleza sobre o Eume de Fernán Peres de Andrade, O Boo

Tempo de lectura: 3 min.

Construído sobre a rocha viva, sobre os grandes penedos da Pena Leboreira, domina a costa do Eume. O Castelo de Andrade, Torre da Nogueirosa, Torre da Fame ou Alcazar dos Andrade, foi o gran bastión dunha das familias nobres máis importantes da Idade Media galega.

Dende ela non só dominaba Pontedeume, onde se atopaba o seu castelo matriz, senón tamén as rías e vilas como Betanzos e as terras ó redor de grandes mosteiros como Caaveiro ou Monfero. A torre protexía tamén o enorme señorío dos Andrade, que se estendía dende Vilalba ata o pé de Compostela, baixo o signo do oso e do xabarín.

Castelo dos Andrade / foto Turismo gal

A obra de Fernán Peres de Andrade, O Boo

E é que cando foi edificado, no ano 1369, posiblemente sobre a ruína doutra antiga fortaleza, o seu promotor Fernán Peres de Andrade, alcumado O Boo, era un dos grandes personaxes da Galicia medieval. Non só un señor que xogou un gran papel dentro da política do reino, senón tamén un mecenas da arte e da cultura galega do momento.

Segundo a lenda Fernán Peres de Andrade construíu sete igrexas, sete mosteiros, sete hospitais e sete pontes dende Compostela ata Ferrol. Tamén foi mecenas da lírica e da literatura. A el se lle atribúe a primeira versión galega da Crónica troiana, escrita polo seu capelán Fernán Martís.

É máis, moitas das súas obras aínda se conservan, Como a Torre de Vilalba, a de Moeche, a ponte de Sigüeiro ou a propia ponte sobre o Eume. Tamén varias igrexas da vila de Betanzos como a propia San Francisco, onde se atopa enterrado Fernán nun sartego sostido por un oso e un xabarín.

Sartego dos Andrade / foto Miguel Branco CCBy Wikimedia

O alcazar do Eume

Entre os nomes que se lle deron ó longo da historia ó de Alcazar dos Andrade. Pois o seu carácter de baluarte sobre as Terras do Eume causou asombro e medo dende a súa mesma construción mesmo ós monxes de Sobrado que litixiaron para parar as súas obras.

Moito máis polo seu carácter enfesto que polas súas dimensións. Pois se trata dun castelo relativamente pequeno, de pouco máis de 250 m² de planta, cun patio e unha alta torre sostida por anchos muros. Porén érguese solemne máis de 20 metros so saínte apenedado.

Detalle do Castelo de Andrade / foto turismo.gal

Mais tamén ten  artísticos detalles arquitectónicos esculpidos en granito. Nos muros do seu patio ou na súa torre de máis de tres andares, conserva elemento como a súa gran portada, seteiras, parladoiros, arcos de medio punto nas ventas e unha excepcional ventá xeminada que, tristemente, hoxe perdeu o parteluz.

Unha torre irredutible

A pesares da súa preeminencia sobre a súa propia posición e sobre as penas, no ano 1467 os Irmandiños si foron quen de acabar con ela, tirándoa abaixo e reedificándoa tras a súa derrota despois. Foi tamén un dos un dos 46 castelos aos que os Reis Católicos ordenaron derrubar, tan só 20 anos máis tarde. Mais as súas ruínas estiveron en pé sobre o val ata o século XIX.

Castelo de Andrade / foto turismo.gal

Daquela foi o arquitecto coruñés Antonio Tenreiro quen desenvolveu unha gran restauración. Mais quedou en abandono, unha vez máis, despois. Nese estado foi declarada BIC polo decreto de 1949, e na década de 1990 pasou a mans da Deputación. Neste cambio de século a institución decidiu intervir nela, fíxoa accesible e a rehabilitou. Agora farao de novo.

Pode que che interese...