fbpx

Pintadas no Castro de Toiriz e danos na mámoa de Carballosa, o vandalismo ataca ó patrimonio de Silleda

Tempo de lectura: 2 min.

O vandalismo azouta unha vez máis o patrimonio arqueolóxico galego. Trataríase, nesta ocasión, do castro de Toiriz, así como da Mámoa da Carballosa, ambos no Concello de Silleda. Os dous xacementos foron obxecto de actos vandálicos, ben contra a súa integridade física ben contra o seu mobiliario, atacando o traballo que están a facer dende as administración para a súa posta en valor.

Pintadas na croa do castro de Toiriz

Os máis graves destrozos produciríanse no castro de Toiriz, un dos máis importantes do Deza, situado moi preto do centro urbano da vila de Silleda. O castro apareceu con pintadas en varias pedras situadas na croa, que foron descubertas pola empresa que está a desenvolver traballos de recuperación no castro.

Descoñécense aínda os danos que puideron producir as pintadas, pero o certo é que estes ataques poden desembocar na perda de elementos testimoniais sobre o granito, xa sexan pinturas, gravaduras ou restos orgánicos. Tamén, segundo a composición química da pintura, poden acabar poñendo en risco a propia estrutura das capas externas da pedra. Por isto a súa recuperación adoita ser, ademais, bastante custosa.

Un castro en pleno proceso de recuperación

Os feitos agrávanse ademais se temos en conta que se trata nun castro no que se están desenvolvendo importantes obras de posta en valor.

Castro de Toiriz en Silleda, contorna dende a súa muralla / foto Turismo de Santiago

Tal e como xa contamos noutro artigo, trataríase dunha intervención dentro do proxecto Trazas de Pontevedra I, promovido pola Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento. O obxectivo das obras é facelo visitable e favorecer a divulgación dos seus valores converténdoo nun verdadeiro referente monumental do Concello.

Nas últimas semanas, de feito, estábase a levar a diante a limpeza da zona, e o pasado mércores o acceso ó castro quedou valado para o inicio dos traballos. A aparición destas pintadas, que reproducen nomes e símbolos fálicos, xa foi posta en coñecemento de Patrimonio.

Paneis informativos e sinalización derrubados na mámoa de Carballosa

Por outra banda a mámoa de Carballosa, na parroquia de Laro, foi obxecto tamén, a semana pasada, doutros actos vandálicos. Neste caso o obxectivo dos ataques foi o mobiliario do xacemento. Así apareceu derribado un dos paneis informativos da mámoa, desaparecendo tamén outra das sinais direccionais en madeira que sinalaba o lugar.

Proxecto para o castro de Toiriz / foto www.mitma.gob.es

“É lamentable que se sigan a producir estes feitos vandálicos, que aínda doen máis cando estamos a falar do patrimonio histórico”, sinalaba o alcalde, Manuel Cuiña. “Facemos un chamamento á colaboración cidadá e á importancia de concienciarnos que tanto o mobiliario público e os bens culturais son patrimonio de toda a veciñanza”.

Pode que che interese...