Que hai detrás de Formigoso, o castelo de 13 hectáreas no que se moveron 100.000t de pedra e áridos? | Historia de Galicia
Vista do Castelo de Santigoso, na Mezquita / Miguel Losada

Que hai detrás de Formigoso, o castelo de 13 hectáreas no que se moveron 100.000t de pedra e áridos?

Tempo de lectura: < 1 min.
O Enigma do Formigoso: Unha fortificación no Castelo Pequeno de Santigoso“. Ese é o título da nova conferencia online organizada por Mariña Patrimonio  e na que intervirá o divulgador e antropólogo Miguel Losada. Unha charla na que se abordará a orixe e función dunha estrutura militar que supuxo o movemento de non menos de 100.000 toneladas de materiais, áridos e pedras. O resultado final foi unha enorme estrutura arquitectónica dunhas 13 hectáreas, integrada por murallas, foxos, noiros e áreas de pedras fincadas visible inda hoxe dende quilómetros no cimo dunha montaña galega de case que 1300 metros de altura no concello da Mezquita.
Até hai unha década este lugar pasara inadvertido para a investigación. Trátase pois dun verdadeiro descubrimento arqueolóxico que apenas dende 2017 está sendo obxecto de investigación por parte da empresa A Citania Arqueoloxía e Xestión do Patrimonio.
Na conferencia online, que se poderá  seguir na canle de Facebook de Mariña Patrimonio este venres 9 de outubro a partir das 19.30h pretende dar a coñecer a existencia deses traballos desenvolvidos sobre este lugar mailos seus arredores e dos datos que ó respecto están xa ó dispor da sociedade.  Ademáis de Miguel Losada, tamén van intervir, para contrastar os seus puntos de vista, Israel Picón, arqueólogo participante nesta excavación, e Xurxo Salgado, xornalista e coordinador da Web Historia de Galicia. Ao remate, os asistentes en liña a través de Facebook terán ocasión de facer preguntas e comentarios.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: