fbpx
Unha paisaxe da Bretaña francesa / foto johannavedral CC0

Queres coñecer como é a Galicia de Francia?

Tempo de lectura: 2 min.

Existe unha Galicia en Francia, a Bretaña. Unha península granítica no ó carón da Fisterra atlántica francesa marcada de semellanzas xeográficas e culturais co noso territorio. “Son terras altamente romanizadas, pero con fondas pegadas celtas. Son terras de granito e con extensas orlas marítimas, de chuvias atlánticas empuxadas por ‘ventos mareiros’”.

Portada do libro / foto Consello da Cultura Galega

E é que Ramón Villares, Jean François Botrel e Christine Rivalan Guégo quixeron no seu último trabalo achegarse a estes dous territorios irmáns. É o libro Galicia-Bretaña. Olladas comparadas, editado polo Consello da Cultura Galega. Trátase dunha nova aproximación a todos os paralelismos que configuraron a estes dous territorios a través da ánalise de expertos de universidades galegas e bretonas.

A historia agraria, a política rural e o nacionalismo, a identidade a xeografía ou a literatura destes dous territorios parellos foron estudados neste libro. “Dende os monumentos megalíticos ata os cruceiros e calvaires, as gaitas e cornamusas, as romarías e un sentimento da terra case panteísta, alén dunha fonda relixiosidade” identificaron históricamente de xeito parello a estes dous territorios mutuamente descoñecidos.

Un dolmen da Bretaña francesa / foto DenisDoukhanCC0

Un camiño parello

Pois co obxectivo de remediar este descoñecemento foron pensadas no outono do ano 2017 as xornadas ente Galicia e Bretaña. Foron concibidas cunha perspectiva comparada e como primeiro paso para sucesivas aproximacións. Na publicación recóllense os relatorios daqueles encontros, nos que dous dos editores deste libro, Botrel e Villares, se achegan ó estado da cuestión.

Xunto a eles un selecto grupo de investigadores e investigadoras de universidades galegas e bretoas decidiron enfrontarse á realidade deste dous territorios. Trátase de estudos comparados no campo da historia agraria (Jarnoux e Saavedra), da política no medio rural (Cabo), do nacionalismo político (De Juana e Carney) da identidade (Núñez Seixas e Le Coadic), da xeografía (Lois e David) e da literatura (Nogueira, Rivalan, Requeixo e Lama).

Ademais tamén se pretendeu facer unha gran aproximación dende o campo literario, prestando especial atención á obra do escritor Álvaro Cunqueiro As crónicas do sochantre, ambientado na Bretaña francesa. Todas estas semellanzas e as relacións intermitentes dende a prehistoria entre a península armoricana e Galicia agárdase que comecen a superarse a través de estudos como este.

Vila de Auray na Bretaña francesa / foto Anajim CC0