fbpx
Unha das catas no xacemento de Proedos / foto Consellería de Cultura

Un hipocausto, unha ábsida e un horrea, os primeiros restos da cidade romana soterrada na Ribeira Sacra

Tempo de lectura: 3 min.

A campaña de escavacións no xacemento romano de Proendos, no concello de Sober, na Ribeira Sacra, está a dar xa os seus primeiros froitos. Pois no día de onte rematouse o traballo de campo no xacemento deixando singulares mostras á vista de elementos xa apuntados en 2019 por unha prospección feita por xeorrádar.

A campaña deixou á luz numerosos materiais de ampla cronoloxía que van dende o século I ata o século V. Trataríase de singulares achados que poderían facer ser deste xacemento un dos de maior potencial desta zona de Galicia.

Os traballos estiveron desenvolvidos a cargo da empresa Tempos Arqueólogos cunha intervención de campo de dez días e cun prazo de execución de dous meses. Neste primeiro momento consistiu nunha serie de sondaxes evaluativos naqueles puntos que teñen un maior interese histórico-arqueolóxico e que xa deron interesantes resultados.

Un hipocausto, unha ábsida circular e un posible gran horrea

 Os traballos, desenvolvidos constataron en tan só estes dez días a existencia de varios elementos especialmente singulares. Entre eles un hipocausto, unha estancia oca que os romanos adoitaban construír debaixo do chan nos cuartos das vivendas e nos baños para que circulara o aire quente. Del agárdanse atopar moitos máis exemplos en futuras campañas.

Ademais, os arqueólogos tamén localizaron unha ábsida circular, un elemento arquitectónico de orixe romano, de función aínda descoñecida, que estaba habitualmente  presente tanto en edificios relixiosos como seculares. Tamén destaca o achado do que podería ser unha hipotética horrea romana. No caso de confirmarse, sería a máis grande de Galicia e a primeira da Comunidade vinculada a unha vila romana.

Prospección con xeorradar en Proendos (Sober), onde se atopou unha pequena cidade romana / Concello de Sober

Un mosaico e restos de diferentes estruturas

Outro dos grandes achado foi o dun mosaico romano. Aínda que non se conserva íntegro, si apareceron varios fragmentos reducidos. A estas achegas habería que sumar tamén os numerosos materiais ou os restos das estruturas das edificacións, que, tal e como recollemos o pasado mes, xa foron localizadas a un nivel moi superficial nas primeiras xornadas de traballo.

Completarían o conxunto todos aqueles elementos apuntados no pasado 2019 pola prospección xeofísica levada a cabo polo Concello de Sober con xeorrádar. Nela se constatou a existencia dun complexo amplo de hipocaustos, varios elementos de posible carácter público e de servizos, posibles estruturas de habitación, unha probable trama urbana ou estruturas funerarias, así como un hipotético sistema de condución de augas.

Estruturas da vila romana atopada en Proendos (Sober) a través de xeorrádar / Concello de Sober

A mítica Proencia como realidade

É o que en palabras do alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, estes achados “confirmarían que a lenda da mítica Proencia é unha realidade”. Pois moito antes da escavación xa se tiveron documentado numerosas pezas na contorna columnas, cerámicas e material construtivo asociados a esta época.

Tanto el como o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, en visita ó xacemento amosáronse especialmente satisfeitos cos resultados. Avanzouse, ademais, que para a primavera está previsto continuar con novas catas coa finalidade de delimitar a extensión do xacemento e sacar á luz construcións únicas desta posible vila ou pequena cidade do Alto Imperio Romano.

Unha das catas no xacemento de Proendos / foto Consellería de Cultura

Pode que che interese...