fbpx
Mergullo na campaña do galeón San Francisco, na ría de Ribadeo / foto Miguel San Claudio Xornal da Mariña FORSEADISCOVERY

Unha nova campaña de para descubrir un dos galeóns mellor conservados do mundo

Tempo de lectura: 2 min.

O galeón San Giacomo dei Galizia, afundido no século XVI nas proximidades da costa de Ribadeo, será obxecto dunha nova campaña arqueolóxica. Trátase de avanzar no seu coñecemento así como conseguir unha visión transversal da construción naval da Coroa Española daquel momento de especial relevancia da historia naval mundial.

O estudo farase co financiamento da Xunta e será desenvolvido por un equipo técnico conformado por profesores universitarios e investigadores do CSIC e varias universidades como a Universidad de Valencia, a University of Texas, a University of Wales Trinity Saint David e a Newport Ship. Para isto a Consellería de Cultura, Educación e Universidade investirá 23.000 euros.

Durante tres semanas desenvolverase a nova campaña de intervención. Farase unha intervención arqueolóxica no costado de babor complementando as campañas desenvolvidas xa nel nos anos 2018 e 2019. Trátase de afondar no coñecemento do estado de conservación e o alcance da estrutura conservada do barco.

Pezas atopadas do galeón de Ribadeo / galeonderibadeo.com

Unha gran aportación para coñecer a historia naval mundial

O obxectivo de obter unha visión transversal e avanzar no coñecemento da arquitectura naval da Coroa Española e dos grandes buques militares dese momento. Pois o pecio do San Giacomo é un dos grandes xacementos localizados até o momento da súa época e, estes últimos anos, está a aportar unha importante información arqueolóxica sobre a construción naval da Coroa do século XVI.

Neste sentido, cómpre lembrar que foron moi poucas as ocasións nas que se puideron estudar embarcacións españolas deste momento, e nunca no estado de conservación e da categoría deste buque. Comprender este proceso é de importancia capital para o estudo da historia naval mundial, pois será a partir dos avances na arquitectura naval hispano-portuguesa do século XVI cando se produza a expansión marítima europea.

Réplica dun dos galeóns da Armada Invencible que Felipe II enviou contra Inglaterra

Un bo estado de conservación

Ó longo das campañas de 2018 e 2019 tense constatado o bo estado do pecio. Constatouse tamén que o sedimento do fondo mariño é altamente dinámico, cunha capa de area superficial que se despraza por efecto das correntes. É por isto que se aplicou un sistema de cubrición mediante malla tridimensional aplicado sobre determinados puntos do pecio, que demostrou ser moi eficaz no mantemento dos restos.

Pois ata o de agora as dúas campañas desenvolvidas tiveron por obxecto traballos de rexistro e documentación dos restos visibles. Tamén traballos para a conservación e o estudo dendrocronolóxico para a datación dos restos. Neles concluíndose a existencia dunha grande cantidade de madeira estrutural cun estrato arqueoloxicamente fértil e que conserva, no seu interior, numerosos elementos de interese patrimonial e cuxa potencia se estima moi importante. Nesta campaña traballarase nun estudo integral do pecio.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...