Unha ponte republicana a piques de desaparecer en Cerdedo | Historia de Galicia
Estado actual da ponte dos Portamuíños / Capitán Gosende

Unha ponte republicana a piques de desaparecer en Cerdedo

Tempo de lectura: 2 min.

O colectivo Capitán Gosende informa do avanzado estado de deterioro da ponte dos Portamuíños. A ponte salva o río do Seixo e pon en comunicación as aldeas de Meilide e Cavenca, en Cerdedo. Esta ponte de pedra, de tres ollos, sen peitorís e taboleiro recto sobre dous piares de cabezas arredondadas (tallamares), mandouse construír en xullo de 1933, cadrando na alcaldía Antonio Sueiro Cadavide, alcalde republicano de Cerdedo (El Pueblo Gallego, 18-8-1933).

A ponte dos Portamuíños é un dos elementos arquitectónicos vinculados ao Roteiro Sarmiento, iniciativa cultural que, integrando a asociación Verbo Xido, o estudoso Carlos Solla encargouse de deseñar no ano 2002 (Ano Sarmiento). Así mesmo, a ponte dos Portamuíños é paso obrigado para os camiñantes da denominada Ruta Cavenca-Cavadosa.

En outubro de 2018, o colectivo Capitán Gosende xa advertira do desprazamento dun perpiaño do tallamar e dun cachote dos alicerces nun dos piares da ponte: “De face á corrente, un dos piares presenta grave desprazamento de dúas pezas de sostemento e perda de elementos sustentantes” (Historia de Galicia, 11-10-2018).

Co gallo do Roteiro literario-etnográfico que, promovido pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e mais a Deputación de Pontevedra, tiven a honra de guiar hai unhas semanas en Cerdedo, volvemos atravesar a ponte dos Portamuíños, camiño das Raposeiras. Decatámonos entón de que, por mor das enchentes, os desperfectos na ponte aumentaran considerabelmente, até pór en serio perigo a estabilidade da construción e, por tal, a integridade dos transeúntes.

Perda dos elementos sustentantes da ponte de Portomuíños, en Cerdedo / Capitán Gosende

Elementos xa levados polo río

A día de hoxe, a corrente do río levou por diante, nun dos piares, un dos catro perpiaños que formaban o tallamar arredondado e, por debaixo deles, o primeiro elemento da cachotaría dos alicerces. No outro piar, a auga moveu do seu asento un dos cachotes dos alicerces, comprometendo a estabilidade dos perpiaños do tallamar. O perpiaño do tallamar e o cachote dos alicerces agardan no leito do río pola súa (confiemos) pronta recolocación. Escusamos dicir que temos o inverno enriba.

O colectivo Capitán Gosende agoira que, de o concello non actuar con dilixencia, no seguinte artigo que lle dediquemos á ponte dos Portamuíños certificarase o seu derrubamento. Malia ser moita a urxencia, prégaselles aos responsábeis municipais que a avaría da ponte non sexa arranxada cun remendo de formigón.

Non desaproveitaremos a oportunidade para seguir reclamando das institucións as necesarias tarefas de consolidación e/ou limpeza nas pontes medievais de Pedre e Parada, sobre o río Lérez; e nas pontes republicanas de Arén e Limeres, sobre o río do Castro e das Cervas, respectivamente. Urxe actuar sen demora nas pontes históricas de Cerdedo, para non ter que escoitar no adro aquilo de “a burro morto, cebada ao rabo”.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: