A alerta esténdese ó castro de Alobre, intervido tamén polo Ministerio | Historia de Galicia
Intervención no castro de Alobre / foto cedida

A alerta esténdese ó castro de Alobre, intervido tamén polo Ministerio

Tempo de lectura: 2 min.

A polémica suscitada nos pasados días nos castros de Toiriz, en Silleda, e Subidá, en Marín, por mor das súas obras de musealización esténdese agora tamén ó castro  de Alobre, en Vilagarcía.  Trátase do terceiro castro intervido dentro do programa Trazas de Pontevedra, que conta cun orzamento de 520.000 euros e promovidas dende o acordo entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento.

Nos pasados días asociacións e expertos en patrimonio chamaban a  atención sobre o posible atentado contra o patrimonio arqueolóxico nos dous castros da provincia de Pontevedra polo proxecto que pretende adaptalos para a visita e musealizalos.

No caso de Silleda chamaba poderosamente a atención as prospeccións de ata 60 cm de profundidade que se estiveron a facer no xacemento para inserir as bases do mobiliario, mentres no de Marín destacábase a modificación dos perfís e da paisaxe herdada do xacemento. No caso do Deza mesmo se chegou a a organizar unha recollida de sinaturas na plataforma Change.org pedindo paralizar a obra.

Alobre, unha xoia descoñecida de Arousa

Agora a polémica trasládase tamén o excepcional xacemento do castro de Alobre, un dos máis importantes da comarca do Salnés polo seu potencial, e no que tamén se está intervindo. No caso de Alobre chámase a atención sobre diversas estruturas de granito colocadas tanto no chan como camiño mais tamén a xeito de mobiliario ou bancos.

Proxecto para o castro de Alobre / foto www.mitma.gob.es

Ademais da discutible arbitrariedade formal da intervención, conformando un zigzag pétreo, o principal problema que se lle asocia á intervención é a conformación dos camiños e a colocación do propio mobiliario en espazos sensibles do castro, lastrando con isto futuras prospeccións en espazos sensibles do xacemento.

E é que Alobre é un dos xacementos con máis potencial da comarca. Éo, sobre todo, polos achados romanos atopados na súa zona exterior na última campaña desenvolvida pola empresa Citania Arqueoloxía no que se estendeu a intervención ata chagar ós 900 m2 escavados. O castro de Alobre é, ademais, un xacemento especialmente descoñecido pese a estar no moi preto do centro urbano de Vilagarcía.

Proxecto para o castro de Alobre / foto www.mitma.gob.es

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: