fbpx
Detalle do Pazo de Meirás / foto Loischantada CCBy Wikimedia

A biblioteca de Emilia Pardo Bazán a piques de ter a mesma protección que un BIC

Tempo de lectura: 4 min.

10.855 volumes dos que 7.883 están custodiados na sede da RAG da Coruña e 2.972 no interior do Pazo de Meirás. Esta é a excepcional biblioteca da escritora Emilia Pardo Bazán que a Dirección Xeral de Patrimonio incoará como Ben de Interese Cultural (BIC) nos vindeiros días e da que case un terzo corría o risco de ser espoliada pola familia Franco.

E é que o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes xunto ó Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez anunciaron o pasado sábado 21 na sede da RAG o rexistro dun expediente de incoación -ou inicio do procedemento- para declarar como Ben de Interese Cultural a biblioteca da escritora.

Entrada do Pazo de Meirás / foto Ird Ge CCBy Wikimedia

Primeiras edicións, anotacións da escritora e volumes dende o século XVII

A biblioteca de Emilia Pardo Bazán, dun excepcional carácter testemuñal e histórico, reúne preto de 11.000 libros dun enorme valor. A maior parte da colección son primeiras edicións, moitos deles manuscritos dedicados polos seus autores á escritora, así como publicacións que conteñen subliñados e anotacións nas marxes, coa letra da autora, o que os converte en únicos.

Entre os volumes, hai tesouros como o libro de Saavedra Fajardo Empresas Políticas  de 1648 ou primeiras edicións de Voltaire do século XVIII, ás que alude a autora na súa obra Los pazos de Ulloa e dos que probablemente o seu primeiro dono fora o seu avó Miguel Pardo Bazán.

A totalidade dos exemplares que compoñen a biblioteca de Emilia Pardo Bazán estaban localizados nas Torres de Meirás ata o incendio producido en 1978 que afectou a moitos dos volumes, nalgúns casos mesmo con carácter crítico e irreparable. Despois deste terrible suceso máis de dous terzos dos volumes foron conservados na sede da RAG e preto de outro terzo no polémico pazo, mais tamén volumes localizados no seu día domicilio familiar da Coruña.

Libros antigos nun arquivo / foto CC0

Unha singularidade da biblioteca, o cuño vermello

A declaración como BIC afectará os libros de ambas as dúas localizacións así como os libros que actualmente poderían estar en localizacións descoñecidas. Pois a biblioteca de Pardo Bazán reúne características excepcionais do patrimonio bibliográfico tanto polo seu “carácter sobranceiro, como pola figura á que está ligada e polo valor singular de todos os exemplares que a compoñen”.

Así, cun carácter preventivo e a fin de que calquera outro exemplar de biblioteca quede protexido no futuro, o expediente ten en conta a posibilidade de que aparezan novos volumes no futuro. Dese xeito, se nalgún momento aparecese un libro non identificado e se constatara a súa pertenza, estaría automaticamente protexido.

Pois a biblioteca ten unha singularidade, xa que todos os libros pertencentes a ela posúen un cuño de cor vermella cumprimentado a man coa situación topográfica dos libros encargado polo primoxénito da escritora que permite reconstruír a colocación dos volumes nas diferentes estancias do pazo. O cuño é un ficheiro alfabético organizado por autores e ordenado que permitiría coñecer todos os volumes que a compuxeron.

Pazo de Meirás / fonte Wikimedia loischantada CCBy

A mesma protección que un BIC

O expediente que inicia o procedemento de declaración da biblioteca será publicado no DOG ó longo desta semana. É así despois de que a Dirección Xeral de Patrimonio “acelerara ó máximo esta declaración”, que foi acordada polo goberno galego e a RAG nunha reunión mantida o pasado día 9 de novembro. A incoación do expediente supón a aplicación inmediata e provisional da mesma protección que un BIC xa declarado.

Porén a súa aprobación definitiva podería demorarse ata un prazo máximo de dous anos, seguindo a lexislación, aplicándoselle ata aquela o réxime de protección previsto na Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia. Tamén os aspectos que se detallan na Lei 16/1985 do Patrimonio Histórico Español en materia de exportación e espolio.

Supón, por iso, a máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección. Ademais, a apertura do procedemento implicará a súa anotación de forma preventiva no Rexistro de BIC de Galicia e a comunicación deste rexistro de xeito oficial ó Estado. A incoación supón tanto a obriga de pedir permiso para calquera traslado como a de garantir o acceso á colección por parte da cidadanía.

Pazo de Meirás / foto Edans CCBy Wikimedia

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: