fbpx
Tui / Galipedia

A historia urbanística de Tui contada a través das escrituras de 14 xeracións

Tempo de lectura: 2 min.

O avogado, escritor, investigador e presidente do Instituto de Estudos Tudenses, Xabier Añoveros Trías de Bes vén de presentar este venres na USC a súa cuarta tese de doutoramento, a primeira na área de Historia, cun exhaustivo estudo sobre a Casa da Canicouba de Tui, un pazo medieval de carácter urbano do que se converteu en propietario logo de 14 xeracións da mesma familia.

A tese titulada ‘Papeis e familia. O arquivo da Casa da Canicouba de Tui’ e dirixida polo profesor da Facultade de Xeografía e Historia da USC Domingo  González Lopo, ofrece unha viaxe diacrónica desta propiedade urbanística desde o século XVI ata a actualidade a través dos preto de 18.000 documentos que se conservan no seu arquivo, segundo indica o propio Añoveros, quen precisou que esta tese de doutoramento compila documentación moi variada que abrangue desde as escrituras dos terreos nos que se edificou a propiedade ata as últimas actuacións realizadas na Casa da Canicouba de Tui.

Rúa da Canicouva, en Tui, no 1954 / FB

Alén do interese histórico documental e da perspectiva que ofrece sobre a conformación urbana e os cambios urbanísticos e arquitectónicos, ademais da propia evolución histórica experimentada en Tui e, por extensión, en Galicia, ao longo dos últimos séculos, esta investigación constitúe xa a cuarta tese de doutoramento elaborada por Añoveros, a terceira trala súa xubilación da actividade docente na Universidade de Barcelona, onde por vez primeira acadou o grao en doutor en Dereito hai preto de medio século.

“Ler e escribir son dúas das miñas grandes paixóns”, recoñece este navarro de berce asentado en Barcelona desde a súa mocidade e ligado desde hai cinco décadas a Galicia e nomeadamente a Tui, “onde a familia sempre gozamos das vacacións estivais”. A fonda conexión tudense de Añoveros levouno a ter unha participación activa na vida local, como o proba a súa tamén xa longa implicación no Instituto de Estudos Tudenses, unha entidade na que entrou en contacto co profesor González Lopo o que, dalgún xeito, alimentou o embrión deste novo doutoramento.

Pode que che interese...