Alumando vieiros: as artes decorativas modernistas galegas. | Historia de Galicia

Alumando vieiros: as artes decorativas modernistas galegas.

Tempo de lectura: 8 min.

Cando érguese a cabeza e vese unha fachada modernista galega, vese non so unha fachada. Unha fervenza de flores, madeiras, ferro forxado, cristais e rostros aparecen dende o pé da edificación ata a parte superior, coroando toda a construcción. Co seu selo distintivo, estas obras resaltan dando unha impresión de vitalidade, de plasticidade en moi distintos formatos, motivos e aplicacións. Todo para conformar un efecto a vez proporcionado e exuberante, total  e individual. E no caso do Modernismo galego, está nel presente o selo de estilos como o de William Morris (1834-1896) dende a Gran Bretaña, Charles Rennie Mackintosh (1868-1928) dende a Escocia, e a Secesion de Viena (1897), observados, estudados e filtrados a través dos talentos de arquitectos como Julio Galán Carvajal (1875-1939), Manuel Gómez Román (1876-1964) ou Ricardo Boán y Callejas (1879-1915), quenes deron cumprida resposta a través das súas obras. Nen copias nin obras de escaso valor nin desconecte dos grandes movementos artísticos: as súas arquitecturas por contra falan de coñecemento, de dinamismo e de unha nova sensibilidade cara nacentes estilos e pensamentos.

Detalle da fachada do edificio de El Correo Gallego. 1912-1913. Rodolfo Ucha Piñeiro. Nº 186, Rúa Magdalena, Ferrol.

Qué pode dicirse de fachadas como as realizadas en Ferrol por Rodolfo Ucha Piñeiro (1882-1981)? O primeiro en resaltar é o valor que se lle da as artes aplicadas. As fachadas do noso modernismo, en realidade, parten de esquemas organizativos moi sinxelos. Esa sinxeleza -que non simplicidade- viña tomada dos principios das Arts and Crafts, de cando Morris establece as liñas do deseño en base a formas esenciais a través das cales dispoñer unha riqueza cromática e un uso imaxinativo dos motivos. O principal é non caer na ostentación nin na superficialidade, porque débese lembrar que Morris é un home que pensa no contido dunha obra. Un contido humano. Un contido onde a Natureza e o espírito son os que dan senso a obra. Así as obras de Ucha Piñeiro poden decontruirse en partes xeométricas. Iso é que fai delas que sexan asimilables, pero o que lles da personalidade é a perfecta coordinación de motivos e formas: observándoas ben, aparece todo un estudo botánico onde margaridas, glicinias e peonías percorren o ferro forxado traballado en círculos, puntas e liñas ondulantes. Deseños xeométricos que xogan coa propia xeometría da madeira, disposta en ritmos xeométricos en serie. Limpeza e riqueza, volume e superficie. Este oxímoro é a clave da súa contribución.

Vivenda (detalle). 1913. Ricardo Boán y Calleja. Nº 11-13. Rúa San Nicolás, A Coruña.

No tempo no que Ucha Piñeiro transforma a estética de Ferrol, na Coruña emerxe un movemento paralelo e tan pletórico que é parte intrínseca deste estilo. Unha edificación como a deseñada por Ricardo Boán y Calleja ofrece unha visión tan extraordinaria como a de Ucha. Tomando de inspiración as fachadas londinenses, o arquitecto superpón a unha fachada de ladrillo tratada, as distintivas galerías -que non formaban parte da arquitectura modernista internacional- e soportes nos que recréanse margaridas e campaíñas en ferro forxado pintado. O mesmo aparece na madeira que serve de marco para as fiestras. Todas as formas entrelazadas serven para dotar, a unha superficie limitada, de unha impresión da riqueza ilimitada, da formas infindas que poden atoparse nos xardíns e nos bosques. Un dos efectos mais impresionantes levouno a cabo co deseño do portal interior da casa situada na rúa Padre Feijoo. A escuridade inicial, ao prender a luz, da lugar a un ambiente no que o deseño floral da lámpada aparece flotando nas paredes, creando proxeccións distorsionadas que envolven a persoa cando entra no espazo. O troco de pasar da rúa a este interior case leva a trasladarse a outro mundo, outra dimensión.

Entrada dun edificio de vivendas. 1909. Ricardo Boán y Callejas. Nº 7, Rúa Padre Feijoo, A Coruña.

Outro interior singular é o deseñado por Julio Galán Carvajal para a Casa Rey. Realizado no cénit do Modernismo Galego, a escasos anos da I Guerra Mundial, o arquitecto fixo toda unha reinterpretación dos espazos propios de Mackintosh. (Unha referencia para comparar coa Oficina  do 233 (1898-1899) en St. Vincent Street e a Insgram Street Tea Rooms (1900) en Glasgow, así coma Windyhill (1901) en Kilmacolm). En Mackintosh aparecen espazos diáfanos, liñas claras, cores combinadas e obxectos cotiás traducidos a unha linguaxe tal pulcra como abstracta. Galán o que fai é paredes de cristal en cadrados, pechados por unha omega de madeira e flores verdes. Todo o espazo está dividido en cadrados, con vigas dispostas simetricamente e dando calidez a suntuosidade do mármore disposto nas paredes e no chan bicolor. Os detalles en bronce dourado rematan por redondear este interior, servindo para completar os tiradores e as zonas de unión entre as partes de unión da madeira. Así o elemento ornamental non so sirve para o decorativo senón tamén para o funcional.

Interior da entrada da Casa Rey. 1911. Julio Galán Carvajal. Nº 12, Praza de María Pita – Rúa María Barbeito, A Coruña.

Unha obra en liña co estilo da Secesión Vienesa e Mackintosh: Detalle da parte superior dunha fachada de vivendas. 1909-1910. Julio Galán Carvajal. Nº 22, Rúa Real, A Coruña.

Se algo tamén define ao Modernismo Galego, e concretamente as súas artes aplicadas, é precisamente o carácter práctico que ten ata o mais mínimo motivo extraído da maior das fantasías. Un modelo disto son os deseños saídos da Empresa Wonenburger para dar luz a rúa do Cantón Claudio Pita en Betanzos. Ademais da baranda, deseñada segundo (novamente) as referencias de Mackintosh, as farolas érguense ata dar con dous dragóns que sosteñen nas suas fauces os candelabros. Hoxe en día non son as que eran cando foron instaladas, pois os focos de luz corresponden con farois de estilo isabelino. Pero as fotografías de 1911 permiten ter unha idea moi clara de cómo eran no seu estilo orixinal: os farois eran orbes, colgados de cadeas e o remate era, igualmente, outro grande orbe que servía do punto de maior luz. Altas, espléndidas e vistas sen mais contraposición que o ceo e as nubes, estas lámpadas con criaturas fantásticas enxergadas en ferro ofrecen unha visión etérea, na que non existe maior punto de referencia que a propia fantasía, suspendida entre o lento algodón branco das nubes e o infindo do azul celeste.

Farola. 1911. Julio Galán Carvajal – Fundación Wonenburger. Cantón Claudino Pita, Porta da Pila, Betanzos.

Vivenda (detalle), 1905. Jesús López de Rego Labarta. Nº 10, Alameda – Rúa tras do Pilar, Santiago de Compostela.

Se as flores, árbores e animais fantásticos como dragóns ocupan un lugar relevante dentro do manual de ornamentación modernista galego, o elemento mais enigmático que ocupa un lugar central é a Muller. A figura feminina, en forma de esculturas ou rostros, empregouse de forma constante e con diversos retratos no florecemento deste estilo dende 1903 ata 1914. Sen embargo, aínda coas diferenzas que podían ter os distintos rostros, existen unhas serie de puntos que levan a sintetizar un ideal de beleza nelas: rostro ovalado, ollos grandes i expresivos, nariz alto e fino e boca pequena. Duas cuestións destacan nelas: unha delas é o cabelo. Solto ou recollido con diademas, cintas e flores, aparecen sempre vivo, abundante e ondulado. De feito ornamentos como as cintas serven para recollelo deixando visibles os grandes ollos, cunha expresión ainda mais intensificada mediante a similitude coas flores abertas.

Casa Arambillet (detalle). 1912. Antonio López Hernández. Nº 13, Praza de Lugo, A Coruña.

A segunda cuestión é, precisamente, o comunicativo que son os seus rostros. Cunha sensación de idealismo ou de maxestade, estas mulleres miran ao mundo inmortais. Xa non son simples ornamentos embelecedores, senón que dotan as casas e edificacións cunha personalidade. Isto non é nada novo dentro do Modernismo, de feito é unha das súas marcas de identidade. Tampouco son nada fora do habitual dentro do vocabulario artístico, onde mascaróns e personificacións ocupan o seu sitio no mesmo. Pero no caso galego estas damas aparecen de menira dramática e, mesmo dentro do remoto, posuidoras dun ser pousado dende si mesmas e cunha actitude que amplifica a singularidade das edificacións.

Casa Romero (detalle). 1909-1910. Rodolfo Ucha Piñeiro. Nº 119, Rúa Concepción Arenal – Rúa Magdalena, Ferrol.

Nas presentes fotografías vese como nas construcións aparecen moitos dos elementos citados, tanto ornamentais como materiais. Plantas, ramas, flores, dragóns e figuras femininas. Aparece o ferro forxado aplicado en moi distintos deseños en balcóns, fiestras, remates, obxectos de iluminación e peches. A madeira para facer de marco, viga, galería i entrada. O cristal para servir non so de protección do clima, senón como un elemento activo mais dentro da composición arquitectónica en fiestras, entradas, paredes e lámpadas. Quen queda finalmente nesta sucesión de motivos e materiais, é a pedra e o senso de oficio. Porque non debe esquecerse que o Modernismo galego non so recibe senón que aporta. Unha desas contribucións é a inclusión da galería. E a outra é o emprego da pedra.

Edificio Simeón. 1907-1911. Benito e Manuel Gómez Román. Nº 6, Praza da Porta do Sol, Vigo.

O seu uso é destacado no modernismo construído en Vigo, onde algunhas das edificación mais magníficas foron realizados neste material. A pedra aparece interpretada de forma diáfana, limpa e cunha reinterpretación do canon clásico traducido a linguaxe da Natureza. No Edificio Simeón en troques de capiteis dóricos, xónicos ou corintios, aparecen niños de paxaros. En lugar dunha cornixa continua, como na arquitectura clasicista, aparece cortada seguindo o ritmo das fiestras. E na mansarda de estilo francés, aparecen vides labras coa perfección vida da tradición da canteiría, en liña co valor e a consideración que Morris lle da ao traballo provinte dos oficios. O resultado é un modernismo xenuíno, no cal pezas produto de ferreiros e canteiros aparecían sumados ata acadar un efecto tan elegante como impoñente.

Non é posible aplicar as nocións artísticas de forma literal as versións que cada pobo fai dun estilo. Isto significaría unha distorsión que mal pode explicar o legado construído desa época. Tamén débese ter en conta que cada pobo fai a súa interpretación, e iso esta suxeito as súas circunstancias pero isto non significa que sexa menor respecto a outros. Aquí o que prima dende a orixinalidade, a intelixencia do saber, a posta en escena duns principios, é o vieiro novo da súa contribución. De feito son estas interpretacións propias as que enriquecen un concepto estilístico. O Modernismo galego, co seu cultivo das artes aplicadas e moi especialmente na arquitectura, axústase a esta idea.

Autoría das fotografías: Iria-Friné Rivera Vázquez.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Vigo, 1988. Historiadora da Arte, fotógrafa, divulgadora, conferenciante e voz. Patroa da Fundación Luís Seoane. É licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, con especialización en Arte da Idade Moderna. É autora do libro "A orixinalidade radica na orixe. O concepto da imaxe galega na estética de Vicente Risco" i é coautora, xunto con Xosé Estévez e Joaquim Ventura, do libro "Vicente Risco no xornal Euzkadi".

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: