fbpx
Dolmen Campa do Cimbro, atopada moi preto do Pico Tres Bispos, a case 1.700m de altitude / Patrimonio dos Ancares

Atopada unha mámoa case no cumio do Pico Tres Bispos, a 1.665 metros

Tempo de lectura: 2 min.
Os do Colectivo Patrimonio dos Ancares acban de documentar a mámoa con dolmen situada a maior altitude de Galicia. Foi na Campa do Cimbro, a 1.655 metros de altitude, non moi lonxe do Pico dos Tres Bispos (1.794 metros), lindeiro entre Cervantes e O Bierzo. Trátase dun túmulo de terra duns 16 metros de diámetro de cuxo cráter de violación asoman cinco esteos de pedra que forman unha cámara tirando a poligonal de 1 por 1,5 metros. Non atopamos restos da tampa cobertoira que foi partida, posiblemente, cando foi violada para buscar inexistentes tesouros. Sobre o túmulo vense pequenas pedras de cuarzo e cuarcita que formaban parte da coiraza pétrea que o recubría.
 
Ata o presente, a mámoa con dolmen a maior altitude de Galicia era a do Marco Cavado, a 1.640 metros de altitude, situada entre os concellos ourensáns de Chandrexa de Queixa e Manzaneda. A mámoa, sen dolmen, situada a maior altitude, continúa a ser a do Alto das Malladas, a 1.745 metros, no concello de Chandrexa de Queixa.

Mámoa do Carballal na parroquia de Quindous, en Cervantes / Patrimonio dos Ancares

Outra mámoa
Por outra parte, na parroquia de Quindous, tamén en Cervantes, no sitio coñecido como O Carballal, case no límite coas parroquias de Santa María do Castro e San Pedro de Cervantes, a 1.110 metros de altitude, documentouse outra mámoa duns 19 metros de diámetro e 1,70 de altura en cuxo centro hai un cráter de violación duns dous metros de diámetro do que asoman varias pedras que foron partidas que correspondían á cámara funeraria. Sobre todo o túmulo obsérvase unha potente coiraza pétrea formada por multitude de pedras que o recubrían. Un antigo camiño cortou parcialmente o túmulo. Non moi lonxe atópase a necrópole da Pena dos Mouros, formada por cinco mámoas.
No ano 2015, o colectivo tamén documentou os petroglifos situados a maior altitude de Galicia, tamén en Cervantes. Foi no Pico do Mustallar, a 1.800 metros de altitude, e que xa foron catalogados por Patrimonio da Xunta de Galicia.

Pode que che interese...