fbpx
Casas Bailly / foto Merce-Xoacas CCBy Wikimedia

Cambre recuperará as históricas Casas Bailly a cambio de ceder edificabilidade na zona

Tempo de lectura: 2 min.

Concello de Cambre quere recuperar as Casas Bailly dúas xoias modernistas situadas no alto do Graxal, ó pé da AC-12, tras décadas de abandono. O alcalde, Óscar García Patiño, asinou o pasado luns un convenio urbanístico cos propietarios dalgunhas parcelas lindeiras ás construcións, nas que se compromete a desenvolver unha modificación puntual das Normas Subsidiarias de Plan para clasificar estes terreos como solo urbanizable.

A cambio o Concello quere aproveitar os beneficios da cesión obrigatoria para financiar a rehabilitación das Casas Bailly. Así a edificabilidade prevista será do 0,75 m2/m2, dos que 0,13 m2/m2 serán cedidos ó Concello. Esta edificabilidade de 0,13 m2/m2 estaría acompañada do 10% do aproveitamento tipo de cesión obrigatoria, e supoñería unha valoración económica aproximada de 1,3 millóns de euros que se empregarán para a rehabilitación.

O acordo asinado suporá a ordenación deste solo urbano non consolidado que actualmente carece de clasificación urbanística. Segundo García Patiño, “levamos anos traballando para conservar estas dúas pezas fundamentais no patrimonio histórico e arquitectónico de Cambre. Con este convenio estamos máis preto de conseguilo”.

Unha das Casas Bailly no Temple / foto galiciandreamer de Galiza CCBy Wikimedia

Porén o aumento da edificabilidade non contentou ós grupos da oposición, que critican a falta de garantías e prazos e piden máis zonas verdes. Pois as casas sitúanse ó pé da AC-12, a gran vía de conexión da Coruña con  parte da súa área metropolitana, zona xa bastante densificada. Mais coa intervención as Casas Bailly poderían sumarse á nómina de edificios do primeiro terzo do século XX, rehabilitados e abertos ó público no entorno da cidade da Coruña.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...