Esta é a historia de represión franquista detrás das casas Bailly | Historia de Galicia
Casa Bailly / foto Hispania Nostra

Esta é a historia de represión franquista detrás das casas Bailly

Tempo de lectura: 3 min.

No alto do Graxal, carón do Temple, dominando ó paso pola concorrida da N.VI, como dous fantasmas de outro tempo ollando dende o alto, en ruínas, atópanse as casas Bailly. A súa historia comeza moito antes da súa construción, cando un soldado do exército napoleónico que conseguira facer fortuna decide quedarse en Galicia.

De el herdan o seu apelido francés. Pois na década de 1920, un dos seus descendentes, Julio López Bailly, un empresario galego residente en Madrid, con varias fábricas na Arxentina, decide decide construír un hotel de 22 habitacións nas aforas da cidade da Coruña. Trátase dunha luxosa construción en estilo cotage deseñado polos arquitectos Antonio Tenreiro e Peregrín Estellés.

E é que as chamadas casas Bailly eran en realidade unha única construción, configurada por dúas ás de feitura simétrica case cadradas separadas por un hall. Cada unha delas estaba distribuída en dous andares máis soto e faiado con bufaras. Ademais das 22 habitacións e estancias de servizo para 8 persoas, as luxosas Casas Bailly tiñan un singular hall cun monumental lucernario, monumentais teitos, chemineas e chans cubertos de madeira e mosaico.

Casas Bailly / foto Merce-Xoacas CCBy Wikimedia

Posuían tamén unha finca de 30.000 m2 e unha casiña do chofer e do xardineiro de feitura semellante, que se perderan tempo despois coa ampliación da nacional VI. Destacan sobre todo polo seu carácter simétrico, xemelgo, e a súa suntuosidade interior e o carácter revivalesco do seu estilo exterior, ó gusto da época. Delas consérvase abundante documentación gráfica e fotográfica e da época.

Unha triste represión

Mais López Bailly nunca empregou a casa como hotel. Preferiu reservar a monumental construción como quinta de veraneo da familia, pois daquela vivían en Madrid. Mais a situación cambiou coa Guerra Civil. Pois, aínda que para algúns non están claros os motivos, o certo é que José López Bailly tivo que abandonar a súa casa pola súa ideoloxía de esquerda, sendo incautadas pola Falanxe.

Interior das Casas Bailly / foto heridaenlahistoria.wordpress.es

José López Bailly e a súa familia nunca puideron retornar ó Graxal. Tras a incautación os sotos foron empregados como cárcere de presos republicanos onde, segundo se conta, aínda poden lerse as súas inscricións nas paredes. Foi empregado despois como Escola dos Mandos do Movemento e dende 1951 nos seus andares superiores localizaríase o Sindicato Vertical do réxime. En 1969 o seu esplendor remataría cun monumental incendio producido por unha cabicha mal apagada.

Unha longa agonía

Tras o incendio de 1969 tratou de dárselle nova vida as casas e na década de 1980 foi escola de produtores. Non foi por moito tempo, pois foi nesta mesma década cando se abandonou de novo. Dende aquela comeza o seu proceso de ruína pasando de mans en mans de diferentes construtores. E aínda que finalmente o Concello de Cambre consegue facerse con elas un novo incendio acaba coa construción unha vez máis.

Casas Bailly no Temple / foto galiciandreamer de Galiza CCBy Wikimedia

Estímase que rehabilitar as Casas Bailly custaría ó redor de 3 millóns de euros, cantidade que supera o total orzamentario anual do Concello. E a pesares dos diversos proxectos ó longo do tempo, incluída a proposta para localizar en elas a sé do Consorcio das Mariñas, o certo é que ningunha administración se implicou coa súa recuperación.

Así as casas foron entrando progresivamente nun estado de abandono e de ruína, acabando recollidas na Listaxe Vermella do Patrimonio de Hispania Nostra. Agora o Concello de Cambre, cun convenio asinado o pasado luns, que non gustou á oposición local, pretende atopar financiamento para recuperalas. De chegar a bo fin o convenio, camiño dun século despois da súa construción, as “casas” arrebatadas pola Falanxe poderían volver a ser recordo daquel esplendor anterior á Guerra.

Para saber máis:

As Casas Bailly aparecen documentadas, na Listaxe Vermella do Patrimonio de Hispania Nostra. Tamén existen varias entradas de blogs sobre as construcións como unha exaustiva entrada no con excepcionais imaxes históricas nos blogs heridaenlahistoria.wordpress.com e curiososincompletos.wordpress.com. As construcións chegaron a ser recollidas tamén nunha reportaxe de La Sexta. Poden consultarse algunhas novas sobre os intentos de sacala da ruína na Cadena Ser, ou en La Voz de Galicia.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: