fbpx
Meirás antes das reformas feitas polos Franco con pezas chegadas de toda Galicia, entre elas, do Pazo de Bendaña / remitida

80 anos de pezas artísticas en Meirás. Isto é o que había no seu interior segundo revela o inventario

Tempo de lectura: 4 min.

Fai agora xusto un mes o xornal La Razón filtraba a nova de que os Franco querían baleirar as Torres de Meirás con entre 30 e 50 camións. Foi precisamente por isto polo que a xuíza Marta Canales, instrutora do caso contra os Franco, ordenaba medidas cautelares para evitar calquera perda no patrimonio do pazo. Por iso, como medida, a xuíza mandaba facer inventario de todos os seus bens.

Agora ese inventario foi filtrado a un medio de comunicación, La Sexta, que ven de publicar na súa páxina web o documento. Un traballo desenvolvido por técnicos da Xunta de Galicia que atoparon no interior preto de 700 pezas.

Detalle dunha das portadas con pezas reutilizadas / foto Loischantada CC-BY wikimedia

Entre elas hai varias bibliotecas, esculturas e elementos arquitectónicos de diferentes épocas, e mesmo unha pintura de Goya. Meirás amósase como un mostrario de arte e de antigüidades acubillados polo ditador e a familia durante preto de 80 anos.

Preto de 700 bens de gran valor, antigüidades e obras de arte

“Tapices, hórreos, pinturas, retablos, esculturas ancestrais, un confesionario, moita auga bendita e mobles de valor inestimable forman parte desta extensa listaxe. Entre elas tamén están as estatuas do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela, a biblioteca de Emilia Pardo Bazán ou un cadro de Goya”, resumían dende La Sexta.

Unha das moitas fontes que decoran os xardíns do pazo / foto Loischantada CC-BY Wikimedia

O certo é que tal e como recolle o inventario  atopáronse nas instalación 697 bens inventariados, entre antigüidades, obras de arte e elementos que os técnicos consideraron poderían ter un relevante valor cultural. Destes bens, nos que se atopan mobles e inmobles, inventariáronse 81 bens no seu exterior e 616 dentro do pazo.

Ademais disto as cifras tamén se fan avultadas no propio inventario. Durante a visita os técnicos realizaron unha reportaxe fotográfica con 1.021 imaxes en ficheiros jpg que ocupan un total de 12,1 Gb e 80 ficheiros de vídeo que ocupan 13,9 Gb en varias tarxetas xa custodiadas no xulgado da Coruña.

Portada e escudo decorando o xardín / foto Loischantada CC-BY Wikimedia

Tal e como se recolle, durante o inventario “non se abriron armarios ou caixóns, nin mobles e, en xeral, os bens e obxectos fotografaron na posición onde se atopaban, sen descolgalos, trasladalos ou movelos”. Non se fotografaron nin inventariaron roupas ou obxectos de uso persoal, ou enxovais de uso diario, así como elementos simplemente funcionais.

Uns xardíns con pezas históricas de toda Galicia

 Do inventario chaman especialmente a atención os 81 bens atopados no exterior do pazo. Tres hórreos de pedra e un de madeira, un cruceiro, un pequeno pazo, un considerable número de escalinatas monumentais, pináculos, balaustradas, fontes, conxuntos pétreos con bancos, maceteiros, un amplo número de escudos exentos, varias pilas bautismais, conxuntos de bolaños e mesmo unha réplica do parteluz da catedral compostelá.

Un dos catro hórreos das torres xunto á Casa do Garda / foto Merce Blanco CC-BY Wikimedia

Mais se xa sorprende pola súa riqueza os bens atopados no xardín, as arquitecturas e inmobles que compoñen o conxunto non quedan atrás. Pois ademais do propio pazo no recinto poden atoparse a residencia dos caseiros nunha antiga “granxa” ou casa de labranza, unha “casa das cunchas”, unha “casa do guarda” ou “paciño”. Tamén unha pista de tenis.

Tamén se catalogaron múltiples elementos de excepcional valor inseridos nas paredes do pazo, xa foran da época da construción de Emilia Pardo Bazán como antigüidades engadidas con posterioridade. Entre elas varias portadas históricas doutras edificacións, varios conxuntos ou frisos de escudos de diferentes casas, ménsulas, canzorros ou a icónica fiestra con arcos de ferradura que caracteriza o pazo.

Retablo e altar policromado da capela / foto Loischantada CC-BY Wikimedia

Antigüidades e pezas de arte de diferentes épocas e procedencias

No interior o mostrario de antigüidades e pezas históricas non queda tampouco atrás. Nel destacan sobre todo o Isaac e Abraham do Mestre Mateo, mais a falta do ditame estilístico ou cronolóxico dos técnicos, destacan moitas esculturas e tallas que semellan proceder de diferentes momentos, como o que semella unha virxe gótica ou varias esculturas renacentistas ou barrocas.

Tamén hai innumerables antigüidades entre mobles, esculturas, pinturas, tapices ou adornos. Portas con ferraxes, retablos, bancos, lámpadas, unha inmensa cantidade de trofeos de caza, ánforas históricas, esculturas de pequeno e gran formato, un sarcófago con arcos oxivais en baixorrelevo, porcelanas, o que semella un tapiz barroco francés, bustos e pinturas do ditador e da súa esposa unha vidreira e un retrato de Emilia Pardo Bazán.

Escudos e outros elementos decorativos nos xardíns / foto Loischantada CC-BY Wikimedia

Tamén tres bibliotecas, unha situada no andar baixo, outra no andar superior, identificada como a de Emilia Pardo Bazán con máis de 4.000 volumes e unha terceira na torres sur-leste. Todas elas con diferentes volumes dos séculos XIX e XX, algúns dos cales foron identificados co estampa vermella da biblioteca da escritora. Polo momento, e a excepción de bens persoais, Patrimonio Nacional será o depositario de todos estes bens.

Franco e Carmen Polo nos touros / foto Kutxa Fototeka CCBy Wikimedia

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: