fbpx
Tesouro de Caldas / foto Ángel M. Felicísimo CCBy Wikimedia

Cando Galicia descubriu un dos seus maiores tesouros

Tempo de lectura: 4 min.

Case 15 quilos de ouro nun conxunto de 36 pezas da Idade do Bronce. Ese é o excepcional tesouro atopado fai 80 anos o pasado domingo no lugar de Silgadas, Caldas de Reis. Trátase do excepcional conxunto nomeado como Tesouro de Caldas, un dos maiores conxuntos arqueolóxicos de ouro de Europa que hoxe se conserva e pode admirar no Museo de Pontevedra.

Mais a triste historia dese excepcional tesouro e testemuña arqueolóxica única conta tamén como se perderon pezas por máis de 10 quilos pois na súa orixe terían sido de feito preto duns 25. Un tesouro que podería terse perdido para sempre coa memoria dos seus preto de 4.000 anos de antigüidade.

O achado dun excepcional tesouro

A historia conta que o 20 de decembro de 1940 un grupo de homes estaba colocando esteos para unha viña nun terreo recén rozado. Cóntase que un deles ó facer un furado na terra observou que co ferro que estaba a cravar saía unha peza de ouro. Así xunto cos seus compañeiros de traballo escavaron no lugar e tan só, segundo eles, a uns 20 centímetros de profundidade puideron atopar directamente na terra o excepcional tesouro.

Tesouro de Caldas / foto Lameiro CCBy Wikipedia

Aínda que non é posible sabelo con exactitude, o tesouro naquel momento pénsase que podería estar composto por 25 quilos de pezas, das que hoxe se conservan exactamente 14.9. Trataríase de pezas de ouro macizo do redor duns 20 quilates, da Idade do Bronce galaica, de entre a Idade do Bronce Final ata a Inicial.

Entre as 36 pezas conservadas hai un peite, tres vasos,dous con decoración xeométrica incisa, vinte e oito argolas-lingote macizas, tres lingotes-barra e seis anacos dunha lámina de tiras. Sería a maior acumulación de ouro das coñecidas ata hoxe en toda a Prehistoria europea. As pezas teñen similitudes con outras atopadas nas Illas Británicas, Irlanda, Bretaña e Centroeuropa.

Xerarquías, loitas ou o valor do ouro de seu

No tocante as argolas de ouro non se considerarían adornos senón un xeito de lingotes que terían como finalidade atesourar o prezado metal. Pénsase que o ouro sería un material reservado para a elaboración de adornos persoais pero tamén, como hoxe,  tería un valor de seu. Ademais, podería interpretarse este tesouro como un banco de riquezas tribais agochados ante unha invasión inimiga, aínda que hai outras teorías.

Publicación de Bouza-Brey no Boletín da Real Academia Galega

Outra teoría sería que fora un enxoval ligado a un enterramento. O certo é que o Tesouro de Caldas é un elemento excepcional que fai pensar tanto nunha certa continuidade cultural coas fisterras europeas como nunha sociedade estruturada de xeito xerárquico baixo elites que poderían monopolizar o comercio e acumular riqueza.

O que si é certo é que como contaron os descubridores as pezas terían aparecido todas xuntas como se na súa orixe estiveran depositadas nunha especie de caldeiro ou ola de material perecedoiro que tería desaparecido. Porén, aínda que os descubridores apuntaron o lugar da descuberta este hoxe estaría moi modificado pola construción, polo que o tesouro atópase en boa medida descontextualizado.

O peso do tesouro

Tras o achado os descubridores decidiron non revelarlo e facer uso do tesouro para o seu enriquecemento persoal. Para isto procederon ó seu reparto as agochadas e a súa venda ós poucos a diferentes establecementos da Coruña e Vigo, onde serían fundidos polo menos 10 quilos.

Tesouro de Caldas no Museo de Pontevedra foto P.Lameiro CCBy Wikimedia

Porén un ano despois terían sido descubertos pola Garda Civil, pois a súa respectiva riqueza levantaba sospeita. Segundo se conta, baixo torturas conseguirían unha confesión na que se apuntaba a orixe do tesouro, o seu volume orixinario e o seu uso. Os descubridores declararon que o que se perdeu serían esencialmente lingotes, mais ningunha peza “singular”.

Daquela deuse aviso as autoridades e Fermín Bouza-Brey, como Comisario provincial de Escavacións Arqueolóxicas, xunto a Manuel Lois Vidal e Benxamín Valladares Salgado foron quen deron conta do achado. Depositouse primeiro no Banco de España de Pontevedra e despois ó Museo de Pontevedra, que o custodia e exhibe dende aquela.

Tesouro de Caldas / foto Ángel M. Felicísimo CCBy Wikimedia

Para coñecer máis:

No momento da descuberta Fermín Bouza-Brey publicou unha descrición do achado no Boletín da Real Academia galega, que pode consultarse neste link. A descrición e imaxe das pezas pode lerse na páxina web do Museo de Pontevedra. Sobre a descrición do peite en concreto pode consultarse tamén neste link. Mais o maior estudo recente do tesouro foi feito por Xosé M. Domato e de Beatriz Comendador Rey, pode lerse neste link.

Pode que che interese...