fbpx
Mosteiro rupestre de San Pedro de Rocas / foto Jose Luis Cernadas Iglesias CCBy Wikimedia

Denuncian a dobre desfeita en San Pedro de Rocas, auga a presión no interior e corta no bosque do seu contorno

Tempo de lectura: 3 min.

O mosteiro rupestre de San Pedro de Rocas, unha das grandes xoias da Ribeira Sacra e un dos seus grandes activos na declaración de Patrimonio Mundial, acaba de sufrir unha enorme agresión por parte da propia Xunta de Galicia.Pois, tal e como recolleu no día de onte o xornal El País, unhas obras promovidas polo goberno galego terían danado irreversiblemente o mosteiro rupestre máis importante de Galicia.

Os danos sucederon cando a empresa contratada para facer tarefas de limpeza de vexetación levaron a diante un “lavado salvaxe da rocha” con métodos prohibidos por Patrimonio. Neles teríase causado danos irreversibles a elementos patrimoniais de incalculable valor como as celas escavadas na rocha, a cadeira episcopal rupestre ou gravaduras época prehistórica.

Así foi denunciado nun xulgado penal polos propietarios dos terreos nos que se atopa o mosteiro. Os denunciantes falan de delitos de espolio do patrimonio histórico-arqueolóxico no corazón do mosteiro e que o que debería limitarse á eliminación de vexetación superficial foi un lavado salvaxe da rocha, “con métodos prohibidos como o chorro de presión hidráulico“.

Igrexa rupestre de San Pedro de Rocas na que se produciron os danos / foto Txo CCBy Wikimedia

Denuncian, ademais, que a obra se desenvolvera “furtivamente”, invadindo propiedades privadas, sen autorización e sen ningún proxecto de conservación. Segundo eles a Xunta tería “incumprido ata 26 leis e decretos españois e os da Xunta de Galicia, así como 8 cartas e recomendacións internacionais”. Os feitos terían acontecido en marzo durante o Estado de Alarma.

Corta de máis dun cento de árbores autóctonas para ampliar os accesos

A desfeita recén denunciada súmase a outra coñecida nas pasadas semanas. Neste outro caso poñíase o foco da alerta na corta de parte da excepcional fraga autóctona pola que se accede a esta xoia patrimonial da Ribeira Sacra. Baixo o obxectivo de ampliar os accesos ó antigo mosteiro a Deputación de Ourense, en colaboración da propia Xunta de Galicia, cortará 114 árbores tantas árbores autóctonas de gran porte no entorno do monumento rupestre.

Porén, o proxecto atópase neste momento paralizado. Pois, tal e como informou tamén o xornal El País, o propietario dos terreos sobre os que a Deputación decretou a expropiación forzosa presentou un contencioso administrativo que detén polo momento a eliminación do bosque.

San Pedro de Rocas rodeada de bosque autóctono / foto xunta.gal

Segundo o propietario trátase dun engano da Deputación afirmando que no lugar hai pouco máis de 80 árbores cando en realidade serían exactamente 114 árbores autóctonas de gran porte. Ademais de ampliar os accesos, a Deputación quere construír unha gran rotonda para facilitar o cambio de sentido dos autocares.

A nova foi contestada contundentemente nas redes, cun rexeitamento rotundo e denunciada publicamente por numerosas asociacións veciñais, culturais e patrimoniais. Denúnciase que o valor histórico e paisaxístico protexido como BIC do mosteiro está a ser decisivo na candidatura a Patrimonio Mundial da Ribeira Sacra. É por isto que a futura desfeita foi denunciada tamén ó Representante permanente de España na UNESCO, Juan Andrés Perelló.

Mosteiro rupestre de San Pedro de Rocas / foto xuntal.gal

Pode que che interese...