fbpx
Imaxe aérea do Castro de Elviña, na Coruña / coruna.gal

Inés Rey quere converter o Castro de Elviña no “gran parque cultural” da Coruña

Tempo de lectura: 3 min.

“Facer do Castro o gran parque cultural do interior da cidade”, esta é a intención da alcaldesa Inés Rey sobre o gran xacemento arqueolóxico da cidade da Coruña, o castro de Elviña. Pois así o anunciou no día de onte durante unha visita ó poboado da Idade do Ferro na que estivo acompañada polo concelleiro de Urbanismo e concelleira de Medio Ambiente, o director da Área de Cultura, Rómulo Sanjurjo e o arqueólogo municipal, Marco Antonio Rivas Nodar.

“Apostamos por poñer en valor o Castro de Elviña e a súa contorna, afrontando as melloras necesarias para convertelo non só nun lugar de estudo do noso pasado, senón tamén nunha infraestrutura social para a veciñanza, con grandes posibilidades turísticas”, afirmaba a alcaldesa.

Inés Rey na visita ó castro / foto coruna.gal

Centro de visitantes, peche perimentral, sendas e mobiliario

Rey explicou que hai dous proxectos que son básicos para poñer en valor o castro e que se atopan xa en fase avanzada: a construción dun Centro de Visitantes e o peche perimetral que permita diferenciar ben as parcelas particulares das públicas e a área de protección do castro co resto. Para desenvolvelos o goberno local propoñerá un pacto ó resto de forzas políticas.

Máis adiante, e sempre respectando a contorna, se estudará a construción dun aparcadoiro próximo ó xacemento. Ademais o Concello planea acondicionar os terreos de titularidade municipal mediante sendas e mobiliario para abrilo ó público de maneira adecuada e digna, con accesibilidade e indicativos, así como mellorando a visibilidade do castro desde a contorna e mesmo incorporando hortas de uso veciñal.

Alxive do Castro de Elviña / foto turismo.gal

Manter a continuidade dos traballos arqueolóxicos

“Trátase dunha aposta pola cultura, como eixe de atracción turística, pero tamén polos espazos públicos e as zonas verde”. “Abrir o xacemento ao público, “darlle visibilidade á gran xoia oculta da Coruña e socializar o seu uso” coa ollada posta nos visitantes, pero tamén na veciñanza da cidade” . “É unha das actuacións máis importantes da rede verde que queremos impulsar para o cinto exterior da cidade e nela traballan as concellerías de Urbanismo, Medio Ambiente e Cultura”, apuntou.

Ademais Inés Rey sinalou que a proposta de socialización é perfectamente compatible coa continuidade dos traballos arqueolóxicos, nos que participan as universidades galegas e “que confirman que estamos ante un dos parques arqueolóxicos máis importantes do noroeste, un valor que a cidade non difundiu nin aproveitou como merece”. “Cremos que é hora de apostar por el, porque suporá un impulso económico e social para varios barrios da cidade e para a imaxe e o patrimonio da Coruña”.

Estruturas escavadas do Castro de Elviña / foto turismo.gal

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...