fbpx
A Seara, no Courel, 1959 foto de Carlos Díaz Gallego / As Fotos de Carlos

Morre Carlos Díaz Gallego, o fotógrafo das Terras de Quiroga ó que a cor lle obrigou emigrar

Tempo de lectura: < 1 min.

Un carteiro, unha procesión, nenas bailando unha muiñeira, unha familia na cociña, as searas do Courel ou Montefurado… Carlos Díaz Gallego foi o gran retratista das montañas de Quiroga e Courel durante as décadas de 1950 e 1960. Fotógrafo por vocación propia conseguiu gañar a vida coa súa cámara, sen outra formación que a autodidacta, retratando os seus paisanos, as familias, a vida cotiá e as paisaxes desta zona de Galicia.

Un fotógrafo cunha mirada sempre documental, que recollía o que vía sempre de xeito espontáneo, sen preparación previa, pero sempre retratando a excepcionalidade do momento. Festas, vodas, procesións, retratos, mesmo fotos para o DNI, Carlos Díaz, conseguía recoller a mirada dun neno ou a conversa de dous operarios mentres trataba de gañar a vida retratando a das xentes e lugares de Quiroga e Courel.

Mais non conseguiu superar a chegada á fotografía da cor, ó non poder facer fronte á inversión necesaria para pasar a esta nova técnica. Como moitos outros artistas da comarca foi daquela cando decidiu emigrar, traballando por décadas en Francia. Carlos Díaz Gallego morreu en Metz, o pasado día 15, ós 92 anos de idade. Mais, por iniciativa da súa familia, o seu excepcional traballo como fotógrafo pode recordarse dende a web.

Carlos Díaz Gallego o fotógrafo do Courel / As Fotos de Carlos

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...