fbpx

O Supremo anula a licenza da canteira que ameaza ós restos máis importantes da prehistoria galega

Tempo de lectura: 2 min.

O Tribunal Supremo acaba de facer pública a sentenza que anula definitivamente a licenza urbanística da canteira que ameazaba á Cova de Eirós en Triacastela. Así se informou no día de onte dende a rede ContraMINAcción. Trátase dunha sentencia contra a licenza urbanística coa que o Concello de Triacastela tratou de legalizar a explotación de caliza da empresa Cementos Cosmos, filial da multinacional Votorantim.

Tal e como denunciaba a rede e múltiples colectivos, a explotación estaba a poñer en perigo un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes de Galicia, o lugar onde se está a desentrañar a vida dos Neandertais de todo o noroeste peninsular dende fai  50.000 anos. Tamén unha cova excepcional con singulares pinturas rupestres e gravaduras así como restos de vexetación e fauna dese remoto momento da nosa prehistoria.

Traballos na Cova de Eirós / foto Asociación Cultural do Iribio

Un intento de legalización denunciado por varios colectivos

Trátase da sentenza contra o intento de legalización e reclasificación da explotación mineira como “recursos C”, a pesar de tratarse dunha explotación a ceo aberto. A licenza fora recorrida inicialmente pola Associação Sócio-Cultural O Iríbio co apoio da asesoría xurídica do Sindicato Labrego Galego, ambas as dúas entidades integrantes da Rede ContraMINAcción.

A licenza foi anulada nos xulgados do contencioso-administrativo. Despois, a comezos deste 2020, o fallo foi confirmado polo Tribunal Superior de Xustiza da Galicia. Agora a sentenza vólvese firme coa inadmisión do recurso de casación que o Concello de Triacastela e Cosmos presentaran ante o Tribunal Supremo.

Denuncias da afectacióna da actividade de Cementos Cosmos na cova Eirós en 2019 / foto Petón do Lobo

Afectación da Cova, Rede Natura e o Camiño de Santiago

Tras a sentencia, os colectivos integrantes da rede ContraMINAcción demandan á Xunta a paralización inmediata da actividade mineira. Denuncian, precisamente, intensificación das actividades mineiras nas últimas semanas logo da firmeza da sentenza, o que está a causar seria preocupación entre os colectivos. Pídese que se proceda a adoptar medidas urxentes para salvagardar a integridade de Cova Eirós.

A explotación mineira de Cosmos é unha explotación a ceo aberto de varias hectáreas que está dentro da contorna de protección  e amortecemento do Ben de Interese Cultural Cova de Eirós (BIC), declarado en 2019. Segundo a rede, a explotación de Cosmos non foi sometida ó trámite de avaliación de impacto ambiental, sendo unha mina que ademais de afectar ó BIC afecta espazos da Rede Natura 2000 e o BIC Camiño de Santiago, patrimonio Mundial pola UNESCO.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...