fbpx
Coro de San Martiño Pinario / foto Diego Delso, delso.photo, License CCBY-SA

Os tesouros do mosteiro máis grande de Galicia serán Ben de Interese Cultural

Tempo de lectura: 3 min.

O mosteiro bieito de San Martiño Pinario será declarado Ben de Interese Cultural (BIC). Así consta no decreto aprobado o pasado mércores no Consello da Xunta e que entrará en vigor tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Así, o mosteiro máis grande de Galicia e o segundo de España, tamén o máis importante na historia de Galicia, pasará a ter de xeito integral o maior grao de protección outorgado pola Lei 5/2016 de 4 de maio de Patrimonio Cultural de Galicia. Ata o de agora atopábase protexido dentro do BIC Cidade Histórica de Santiago de Compostela que está declarado Patrimonio Mundial.

claustro maior de San Martiño Pinario / foto turismo.gal

A nova declaración permitirá garantir de forma máis eficiente a protección do histórico edificio así como preto de 200 bens que se atopan no seu interior e que están asociados ás distintas etapas do monumento. Entre outros, o fondo documental e bibliográfico, a Imprenta do Seminario Conciliar Central, a botica, as coleccións vinculadas ó patrimonio científico e técnico así como roupa litúrxica dos séculos XVI e XX, entre outras.

A declaración contou cun amplo respaldo e co aval de expertos da Universidade de Santiago de Compostela, a Real Academia Galega de Belas Artes e o Consello da Cultura Galega e estivo resolta nun tempo record. Pois o expediente foi iniciado en novembro de 2019, e declarado en doce meses, cando a tramitación de outros moitos bens pode demorarse anos. O obxectivo era estar listo para o Xacobeo 2021.

San Martiño Pinario / foto Diego Delso, delso.photo, License CC-BY-SA

Un mostrario da arte galega

San Martiño Pinario é un mosteiro bieito fundado no século X. A súa orixe remóntase ó comezos do culto apostólico, tendo nas súas orixes a función de custodia do sepulcro. Entre 1070 e 1080, baixo o goberno do abade Adulfo, pasa a ser mosteiro da orde bieita, converténdose a partir do século XII no máis rico e poderoso de Galicia, con rendas repartidas por todo o país.

Iso leva a que dende o renacemento San Martiño emprenda unha das fábricas máis importantes de toda Galicia, cunha impresionante igrexa clasicista, varios claustros, un deles de orde xigante, singulares dependencias monásticas e elementos singulares  como o seu excepcional baldaquino e coro lígneo. As súas excepcionais fachadas, e a súa portada manierista, única en Galicia, condicionaron o urbanismo compostelán.

Fachada do mosteiro de San Martiño Pinario / foto turismo.gal

San Martiño Pinario, ademais de ser unha das xoias da cidade, acolle o Seminario Maior da archediocese compostelá, un centro adscrito da Universidade de Santiago de Compostela, o Instituto Teolóxico Compostelán e Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela. Acolle tamén entre as súas dependencias espazos museados e un aloxamento de hostaleiro.

Fachada do mosteiro de San Martiño Pinario / foto turismo.gal

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: