Participa no documental sobre o último gran territorio libre de Galicia durante o Franquismo | Historia de Galicia
Teixadal de Casaio / aculturaviva.com

Participa no documental sobre o último gran territorio libre de Galicia durante o Franquismo

Tempo de lectura: 2 min.

Desde o ano 2017, Sputnik Labrego vén documentando unconxunto de campamentos que a Federación de Guerrillas de León-Galicia estableceu nos montes de Casaio como base de operacións para a loita antifranquista. Un lugar que se coñeceu como a Cidade da Selva e que foi ou último territorio libre de Galicia, tal e como xa relatamos en Historia de Galicia en varias ocasións.

Este grupo de investigación detectou, polo momento, preto de 20 campamentos distribuídos por estes montes e puideron escavar até cinco das estruturas utilizadas pola agrupación guerrilleira, deixando ao descuberto o que pode ser a paisaxe guerrilleira máis completo de toda Europa occidental. Paralelamente, parte destas estruturas e paisaxes han ir póndose en valor, grazas á colaboración coa Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira, envorcada sobre o proxecto. “Recuperar a memoria implica tamén deixar un testemuño e unha narrativa para as xeracións futuras. Trátase dunha historia traumática pero que, grazas á achega da comunidade de Casaio, cremos que pode servir tamén como un bálsamo que peche feridas abertas”, afirma Alejandro Rodríguez, codirector das intervencións.

Como parte destes testemuños, un dos obxectivos para este ano é gravar unha película documental que recolla toda a historia dos campamentos guerrilleiros. Esta película, producida pola cooperativa audiovisual metropolis.coop, é un ambicioso proxecto que espera ser distribuída e exhibida a nivel estatal e internacional. Para o seu financiamento, contarase con distintas subvencións públicas así como dunha campaña de crowdfunding que se iniciará o próximo 21 de decembro na plataforma goteo.org. “O obxectivo desta campaña é dobre”, dinos Miguel Riaño, director do documental, “por unha banda, trátase de obter recursos para facer un produto de calidade que visibilice esta historia a escala nacional e internacional.

Un dos chozos onde se ocultaban os guerilleiros da Federación de Guerrillas León-Galicia na Cidade da Selva / Sputnik Labrego

Por outro, a propia campaña de financiamento é un medio extraordinario para divulgar esta historia, e pór os montes de Casaio no foco mundial”. A esta campaña, que terá unha duración de 40 días, poderá achegar calquera persoa que estea interesada na memoria histórica e a historia da guerrilla antifranquista, e contará con diversas recompensas que inclúe copias da película, seminarios por parte dos especialistas ou unha invitación á estrea da película en Casaio, prevista para primavera de 2022.

Nova campaña

Por outra banda, o equipo de Sputnik Labrego volverá aos montes de Casaio o próximo ano na que será a última campaña de escavación nos campamentos da guerrilla antifranquista coñecidos como a Cidade da Selva. Esta campaña contará, ademais, cunha subvención concedida polo Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática para proxectos de recuperación de Memoria Democrática. “Esta subvención non só é unha gran axuda para realizar a que esperamos sexa a última campaña de escavación sobre os campamentos da guerrilla antifranquista, senón tamén un recoñecemento da súa importancia dentro da recuperación da memoria histórica”, dinos Carlos Tejerizo, director do proxecto.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: