fbpx
Antiga terminal de Lavacolla / foto Xosema CCBy Wikimedia

Que foi do cruceiro do discípulo de Asorey e do hórreo desmontados por Aena en Lavacolla?

Tempo de lectura: 3 min.

“Cando reporá AENA no Aeroporto Rosalía de Castro o hórreo e cruceiro, elementos singulares do patrimonio cultural de Galicia, para que podan ser desfrutados polos que visitan o aeroporto? Continúan a día de hoxe o hórreo e o cruceiro nas instalacións do aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela? En que estado se atopan na actualidade? Están este hórreo e cruceiro inventariados? Por que motivo AENA, cuns altos beneficios empresariais durante os últimos anos, non puido repoñer estas dúas pezas etnográficas dun alto valor patrimonial?”

Esta é parte da pregunta parlamentaria que o BNG rexistrou o pasado día 5 de outubro no parlamento de Madrid, asinada polo deputado Nestor Rego. A pregunta, dirixida ó goberno de España, poñía sobre a mesa unha demanda do sindicato de traballadores do aeroporto compostelano, quenes dende fai tempo están a demandar da empresa pública a restitución destes dous elementos da antiga terminal no novo complexo.

Antiga terminal de Lavacolla / foto Xosema CCBy Wikimedia

E é que o hórreo e o cruceiro, localizados por máis de vinte anos no exterior da antiga Lavacolla, foron desmontados por mor das obras de construción da nova terminal e almacenadas nas propias instalacións. As dúas pezas serían un hórreo, de cronoloxía non aclarada, así como un cruceiro esculpido a comezos da década de 1970 polo escultor Eduardo Parrado, un discípulo de Asorey. Os dous bens atoparíanse desmontados dende fai máis dunha década nas propias instalacións.

Un estudio e valoración sen datas

Pois así respondían dende AENA ó grupo político. Segundo a empresa os bens estarían almacenados nas instalacións, habendo intención por parte da empresa de repoñelas. Mais, informábase, a empresa desenvolverá un estudo para determinar as datas dos dous elementos e máis o seu valor patrimonial antes de tomar unha decisión sobre elas.

Nova terminal de Lavacolla / foto Michael Sender CCBy Wikimedia

Se ben o cruceiro é unha obra con autoría confirmada e de preto de medio século, no tocante ó hórreo, segundo a compañía xestora dos aeroportos nacionais, a súa cronoloxía estaría aínda por confirmar. Segundo se estableza no estudo, para o que non se deron datas, determinarase a protección ou non dos dous bens, establecéndose despois a localización máis axeitada.

Así, segundo se estableza no informe, os dous bens poderían ter ou non a protección prevista na Lei 5/2016 de 4 de maio de Patrimonio Cultural de Galicia. A lei afirma que para a súa protección como BIC ambos elementos deberán de ter unha antigüidade maior de cen anos ou, no seu defecto un especial valor cultural. Este segundo requisito podería vir determinado tanto polo recoñecemento do autor do cruceiro, Medalla ó mérito artístico do Concello de Santiago, como pola transcendencia do emprazamento de ambos dende vai, polo menos, preto de medio século.

Detalle dun pilar no novo aeroporto de Lavacolla / foto Historia de Galicia

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...