fbpx
Caricatura de Bendaña / foto Museo de Belas Artes da Coruña

Queres coñecer a Álvaro Cebreiro, o ilustrador e caricaturista que con Manuel Antonio asinou “Máis Alá!”?

Tempo de lectura: 3 min.

Con tan só 16 anos un novo ilustrador da Coruña publicaba a súa primeira caricatura na revista A Nosa Terra. Tan só un ano despois, en 1920, con 17, as Irmandades da Fala inauguraban na rúa Rego de Auga da Coruña a súa primeira exposición. Trátase de Álvaro Cebreiro un dos grandes ilustradores da vangarda que foi por moito tempo silenciado polo Franquismo.

Neste 2020, cúmprense cen anos desta primeira exposición. E é precisamente por isto polo que a Deputación da Coruña ven de publicar o libro Álvaro Cebreiro. Caricatura, humorismo, ilustración do investigador Xesús Torres Regueiro. O libro foi presentado  na mesma rúa Rego de Auga, no pazo da Deputación.

Álvaro Cebreiro. Caricatura, humorismo, ilustración

Álvaro Cebreiro / foto Museo de Belas Artes da Coruña

O obxectivo, segundo o seu propio autor é “relanzar a figura e a traxectoria creativa dun personaxe e un artista singular”. Torres Regueira define a Cebreiro como un “personaxe xenuinamente coruñés”  e “un dos mellores caricaturistas galegos, senón o mellor, que se dedicou tamén á viñeta humorística, ás estampas paisaxísticas a guache ou témpera, á ilustración de libros e ao cartelismo”. Tampouco se quere “esquecer o papel de axitador cultural asinando o manifesto Máis Alá con Manuel Antonio ou nas revistas Alfar ou Ronsel”.

Na presentación estivo tamén presente o Deputado de Cultura, Xurxo Couto, quen definiu a Cebreiro como “unha figura brillante e atractiva esencial para mostrar a Galicia máis moderna, a máis avanzada e vangardista, unha Galicia que foi decapitada pola represión despois de 1936 que mudou esa modernidade e acalou aos seus protagonistas, como ó propio Cebreiro que padeceu o silencio durante moito tempo”.

Caricatura de Bendaña / foto Museo de Belas Artes da Coruña

Trataríase “dun esforzo por descubrirnos a grandeza de Cebreiro e situalo nesa intelectualidade e ese mundo artístico do que nos queda aínda tanto que aprender e que nos enorgullece como país e como cultura” afirmaba Couto. “Dese tempo en que aquí, na Coruña creaban outros artistas como Huici ou Francisco Miguel que foron brutalmente asasinados”.

Un ilustrador puro

Un trazo puro, xeométrico, non contaminado, empregado para desentrañar efusivamente as personalidades de quen remataban no seu papel. Así foron as excepcionais caricaturas de Cebreiro que o converteron nos máis precoz por idade dos artistas da vangarda galega.

Foi debuxante, ilustrador e caricaturista e ademais de publicar en A Nosa Terra, tamén o fixo en revistas como Mondariz, Alborada, El Pueblo Gallego, El Sol, Faro de Vigo, Vida Gallega, Ronsel, Alfar e moitos outros. De Mar y Tierra deseñou a súa cabeceira. Tamén fixo fixo debuxos para a edición da obra de teatro O Mariscal, de Ramón Cabanillas e Antón Vilar Ponte.

Cartel turístico de A Coruña

É tamén recoñecido por publicar en 1922, xunto co poeta Manuel Antonio o manifesto Máis alá!, da vangarda artística e literaria galega. Artista entregado que viaxou a París, frecuentou academias libres e fixo amizade con grandes artistas europeos, sen nunca perder de vista Galicia.

Porén, a Guerra Civil e a brutal represión franquista levaron a súa traxectoria, obra e propia saúde o ostracismo. Tras a guerra, durante case unha década non volveu debuxar, facéndoo de novo na década de 1950 para xornais como El Ideal Gallego. En 1953 ingresaría na Real Academia Galega de Belas Artes finando en 1956. Dende o ano 2015 a rúa General Mola da cidade da Coruña pasou a chamarse rúa “Álvaro Cebreiro”.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...