Un dos grandes conventos de Galicia podería pasar a mans públicas | Historia de Galicia
Santa Clara de Pontevedra / foto xunta.gal

Un dos grandes conventos de Galicia podería pasar a mans públicas

Tempo de lectura: 2 min.

O Concello de Pontevedra quere mercar o excepcional mosteiro gótico de Santa Clara. Así o anunciou o pasado día 19 o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, despois de ter iniciado xa as negociacións coa orde das Clarisas. O convento foi pechado no ano 2017 coa marcha das últimas monxas que o habitaban.

Segundo o concelleiro “as monxas ven con moi bos ollos que o convento pase a mans do Concello, que pase a ser para uso do pobo e non de ningún especulador”. Afirmábase tamén ser os únicos en negociación e estar traballando coa orde mediante mediante a interlocución da fundación Las Edades del Hombre, responsable de xestionar o patrimonio da Igrexa de Castela.

Santa Clara / foto visit-pontevedra.com

Un excepcional monumento no corazón da cidade

Santa Clara é un dos conxuntos monumentais máis excepcionais da cidade. O convento mendicante que conserva aínda unha excepcional fábrica gótica, ten preto de 13.000 metros cadrados, 4.500 correspondentes ó propio convento e 8.500 máis de hortas, tratándose dun excepcional conxunto no centro dunha das cidades mellor conservadas de Galicia.

“Trátase de máis dunha hectárea de terreo en pleno centro da cidade” o que podería supor para Pontevedra “contar cunha zona pública moi importante para os pontevedreses”. Porén o Concello aínda non falou de usos, pois estase a considerar  primeiro o estado do edificio e o seu valor de compra.

Ademais de excepcional monumento incorporar Santa Clara ó patrimonio público municipal suporía engadir á cidade un área aberta dentro dunha zona especialmente densa. Pois as súas hortas contan con plantacións de castiñeiros, de árbores froiteiras e de viñas e amplos espazos verdes.

Visita ó monumento

É precisamente por este motivo polo que a semana pasada un equipo técnico do Concello realizou unha visita ó recinto. Tratábase de valorar o seu estado de conservación, tanto do mosteiro como da finca, estruturas, materiais, tipo de instalacións existentes ou accesibilidade. Na visita a Santa Clara, estiveron presentes os concelleiros César Mosquera e Xaquín Moreda xunto cos técnico que desenvolverán os informes de avaliación.

Santa Clara de Pontevedra / foto xunta.gal

Unha xoia gótica extramuros da cidade

O convento de Santa Clara é un excepcional conxunto que, do mesmo xeito que outros monumentos da época en Galicia, foi edificado extramuros da cidade no século XIV. Coetáneo ás ruínas de Santo Domingo, nas súas fábricas destaca a súa ábsida poligonal gótica e a súa nave con nervios radiais. Os muros norte e sur teñen arquivoltas apuntadas e fiestras oxivais e do seu interior destacan varios retablos barrocos.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: