fbpx
Modelo dixital do Castro Valente / foto Castelos no Aire

Unha escavación en Padrón podería dar luz ó momento máis descoñecido da historia de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

No cumio dun monte do concello de Padrón podería estar unha das claves para entender o momento entre o final do Imperio Romano e a conformación da Galicia medieval. No lugar denominado Castro Valente, o xacemento dunha antiga fortificación que será escavado nos vindeiros días, podería estar unha das claves para entender un dos momentos máis descoñecidos da historia de Galicia.

Este é o traballo que está a desenvolver  un proxecto de investigación da USC denominado Castelos no aire do grupo de investigación Síncrisis da facultade de Xeografía e Historia. O obxectivo do traballo, dirixido Mario Fernández-Pereiro, é investigar como se desenvolveu a transición entre a final da época romana e a creación do Reino Suevo.

Un momento clave

E é que existirían varias fortificacións que se encargarían de organizar política e socialmente o territorio galego durante todo o século V. Algunhas están localizadas e documentadas e resta unha investigación a fondo para coñecer este momento. Este é o obxectivo que está a desenvolver grupo de investigación.

Lousa de granito cunha inscrición do século XVIII pertencente a unha antiga ermida no monte / foto Castelos no aire

Trataríase dunha época descoñecida, mais que constitúe “un momento no que se colocarían os alicerces da evolución social, política e económica de Galicia durante a Idade Media até os nosos días“, como declaraba Fernández-Pereiro. O grupo que ven de traballar noutros xacementos similares, coma o Faro de Budiño no Porriño, ou o Castelo de Portomeiro en Val do Dubra.

Unha gran fortificación sobre o Ulla

Castro Valente é un recinto fortificado situado no cumio dun monte na beira sur do río Ulla, sobre a parroquia de Herbón en Padrón. Trátase dunha fortificación de morfoloxía moi clara no lugar e dunha grande extensión cunha muralla de 1,5 quilómetros e preto dunhas 11 hectáreas.

Con murallas de ó redor de 2,5 metros de ancho e recinto moi caracterizado foi coñecido como A Cerca polos veciños da zona. Porén o lugar está especialmente maltratado. Afectado pola vaga de lumes de 2007, invadido de acacias e deteriorado especialmente pola apertura de cortalumes, mais unha excepcional testemuña desta época.

Unha escavación para unha época completamente descoñecida

Así, comezando hoxe e durando tan só unha semana a campaña arqueolóxica sobre o xacemento, feita a xeito de cata, ten por obxectivo afondar no seu estado de conservación e na súa cronoloxía. A escavación estará dirixida por Fernández-Pereiro a través da empresa Tempos Arqueólogos.

Pola súa banda o proxecto Castelos no aire está financiado pola Deputación da Coruña a través das Bolsas de Investigación 2020. Para esta escavación, conta tamén co coa colaboración do proxecto de investigación “Territorio e Poder Monástico na Idade Media. Unha aproximación comparativa (Terpomed)”, dirixido por José Carlos Sánchez Pardo.

Vistas dende o xacemento de Castro Valente / foto Castelos no aire

Máis información nas redes sociais do proxecto.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: