fbpx
O xacemento de Castro Valente en Padrón / foto obaixoullagal

Unha muralla con ata 30 torreóns, así é o xacemento que pode desvelar o noso momento máis descoñecido

Tempo de lectura: 4 min.

Esta tarde o equipo de arqueólogas de “Castelos no aire” presentaba no auditorio de Padrón os resultados preliminares da campaña arqueolóxica no Castro Valente. Trátase dunha campaña que durou tan só unha semana, mais que tivo un importante obxectivo, arroxar luz sobre un dos momentos máis descoñecidos da historia de Galicia.

É o momento entre o final do Imperio Romano e a conformación da Galicia medieval. O xacemento é unha antiga fortificación que sería un deses descoñecidos lugares que permitirían organizar política e socialmente o territorio galego durante todo o século V. Corresponderíase con ese excepcional momento no que se colocarían os alicerces da evolución social, política e económica da Galicia da Idade Media e até os nosos días.

Sondaxes en Castro Valente / foto Tempos Arqueólogos

Unha muralla de 1,2 quilómetros con ata 30 torreóns

Durante a campaña arqueolóxica realizáronse tres sondaxes situadas na zona noroeste do xacemento. Unha delas estaría situada no interior do recinto. Nela localizouse un muro en moi mal estado de conservación, pertencente a unha estrutura de funcionalidade, polo de agora, descoñecida e que as arqueólogas non poderán definir ata ampliar a zona escavada.

As outras dúas sondaxes foron realizadas na muralla do Castro Valente. As sondaxes deixaron a vista un tramo de 2 metros do pano da muralla, tanto pola súa cara interior como exterior, e un esquinal dunha das torres. “Nesta intervención escavamos parcialmente unha torre cuadrangular e localizamos outras cinco, explica Mario Fernández-Pereiro, director do proxecto.

Modelo dixital do Castro Valente / foto Castelos no Aire

“Isto é unha novidade, xa que non se coñecen moitos recintos amurallados con torres con tanta antigüidade. O máis ‘próximo’ sería a muralla de Lugo”, afirma o arqueólogo. “Temos documentación de finais do s. XIX e comezos do XX que falan da existencia de máis dunha trintena de torreóns cuadrangulares e semicirculares ó longo da muralla do Castro Valente” explica Mario Fernández-Pereiro”.

Ademais “poucos lugares conservan a súa muralla como este, onde é posíble distinguila a simple vista, sen necesidade de escavar”, afirma. “Falando ca xente da contorna, confirmaron que o topónimo do Castro Valente é a ‘Serca’ e isto ven porque a muralla deste xacemento é espectacular”. Pois o recinto amurallado do Castro Valente ten unha extensión de 1,2 quilómetros, fechando unha superficie de 11ha.

Sondaxes no Castro Valente / foto Castelos no Aire

Punto e seguido nos traballos

Porén, a pesares dos achados, aínda queda un longo traballo para o equipo. Pois  unha vez rematada esta fase que é a de traballo de campo, comeza outra na que o equipo ten que procesar e ordenar toda a información recollida. “O cálculo é que un día de traballo no campo, son dous-tres días no laboratorio”, afirman. “Aínda queda moito traballo”, polo que dende o equipo falan de “punto e seguido.

E é que unha semana de traballo de campo pode entenderse coma un período reducido, mais as responsábeis do proxecto están satisfeitas. “Os obxectivos desta campaña eran coñecer o estado de conservación do xacemento e, de ser posible, poder realizar unha hipótese a respecto das cronoloxías de ocupación” explica Mario Fernández-Pereiro, director do proxecto. “Consideramos que estes obxectivos foron conseguidos.”

Detalle dos traballos / foto CAstelos no Aire

Un xacemento único ameazado polos aeroxeradores

Dende o proxecto falan tamén do estado de conservación do xacemento. “Mentres que na zona noroeste que foi onde escavamos, a muralla atópase nun impresionante estado de conservación, toda a zona leste atópase destruída pola construción dun cortalumes” laméntase Jose Carlos Sánchez-Pardo. Porén “sería un recurso patrimonial moi interesante a exhumación de parte deste recinto amurallado”.

Pero os cortalumes e a vexetación non son os únicos problemas de afección do xacemento do Castro Valente. “Parece ser que hai unha solicitude para instalar até catro grandes aeroxeradores na ladeira oeste do Castro Valente” explica Mario Fernández-Pereiro, “apenas temos información, xa que nos enteramos durante a campaña, máis poderían afectar moi negativamente a todo o entorno, xa de por si moi degradado”.

Equipo de arqueólogas de Castro Valente / foto Castelos no Aire

Castelos no Aire

A intervención foi desenvolvida pola empresa Tempos Arqueólogos SL e forma parte do proxecto “Castelos no aire”, financiado pola Deputación da Coruña a través das “Bolsas de Investigación 2020”, en colaboración co proxecto de investigación “Territorio e Poder Monástico na Idade Media. Unha aproximación comparativa (TERPOMED)”. O proxecto conta co apoio Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Castro Valente e Barreiras, Morono e Bandín e do Concello de Padrón.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...